A Xunta avoga por un emprego inclusivo, igualitario e xusto que incremente ao mesmo tempo a competitividade do tecido produtivo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Teo na terceira edición dos Premios de Economía Social que promove Cegasal

Trátase dunha asociación con máis de dúas décadas de traballo na defensa dos dereitos das persoas con capacidades diferentes

Os galardoados foron os periodistas Abeta Chas e Xabier Martiñá, os supermercados DIA, a Xunta, a través de Turismo de Galicia, e o Concello de Arzúa

O titular de Economía afirma que a diversidade é un dos piares fundamentais sobre o que construír a forza laboral dunha empresa e destaca a importancia de concienciar ao conxunto da sociedade

A Administración autonómica traballa a través da Axenda 20 na creación de emprego de calidade priorizando a incorporación de todos os galegos e galegas ao mercado laboral, sen excepcións

Teo (A Coruña), 4 de xullo de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado polo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Teo na terceira edición dos Premios de Economía Social, que promove a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), uns galardóns que recaeron nos periodistas Abeta Chas e Xabier Martiñá, nos supermercados DIA e dúas administracións: a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, e o Concello de Arzúa.

Conde felicitou aos galardoados e a Cegasal polas súas dúas décadas de traballo na defensa das persoas con capacidades diferentes para acadar unha Galicia máis igualitaria e máis xusta e indicou que apostar por un emprego inclusivo, como é o caso de Cegasal, incrementa a competitividade do tecido produtivo. Tamén agradeceu o labor dos preto de 1400 traballadores con capacidades diversas que forman parte de Cegasal, que amosan o importante que é centrarse nas habilidades que cada un ten e o traballo dos medios de comunicación, do tecido empresarial e das administracións porque son imprescindibles para que a inclusión se converta nunha realidade e nun éxito colectivo.

O titular de Economía, ademais, apuntou que a diversidade é un dos piares fundamentais sobre os que construír a forza laboral dunha empresa nun contexto no que a dixitalización está cambiando a forma de traballar e ofrecendo novas oportunidades.

Así mesmo, resaltou a importancia de concienciar ao tecido empresarial como ao conxunto da sociedade sobre este aspecto e defendeu a necesidade de que as administracións públicas sigan ofrecendo apoios e deseñando medidas que faciliten contar cunha Galicia máis xusta. No caso da Xunta, traballa, a través da Axenda 20, no impulso da creación de emprego de calidade coa prioridade de incorporar a todos os galegos e galegas ao mercado laboral, sen excepcións. “Se avanzamos xuntos e na mesma dirección o camiño cara a inclusión será máis doado”, concluíu.

Pola súa banda, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que recolleu a distinción outorgada á Xunta, puxo en valor a aposta da Consellería de Cultura e Turismo por contribuír á economía social coa contratación de servizos turísticos que apoian a integración efectiva de todos os homes e mulleres. "Este é un compromiso que sabemos que o sector turístico tamén sente seu", explicou. Neste sentido, tamén puxo de manifesto o compromiso da Xunta por ofrecer una acollida sen barreiras aos millóns de viaxeiros que chegan acada ano a Galicia, a través de ferramentas como o Plan de Accesibilidade Turística co que a Comunidade avanza cun turismo comprometido coa igualdade real de oportunidades.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/07/2019