A Xunta adxudica por case 180.000 euros a rehabilitación de tres vivendas de promoción pública no concello de Pontevedra

As obras teñen un prazo de execución previsto de cinco meses e consistirán na reforma exterior e interior do edificio, no que tamén se disporá dun local comercial

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2019-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), acaba de adxudicar a rehabilitación dun edificio de vivendas de promoción pública (VPP) emprazado na rúa Alemaña, no barrio de Monteporreiro (Pontevedra), por un importe de 178.124,10 euros.

A obra, adxudicada á empresa Desarrolla Obras y Servicios S.L., consistirá na reforma do inmoble, integrado por tres vivendas propiedade do IGVS nas que se actuará co fin de adecualas para o seu uso e mellorar a súa eficiencia enerxética. O prazo de execución previsto será de cinco meses, a contar desde o inicio da intervención.

Concretamente, realizarase o illamento exterior do edificio mediante unha fachada SATE (sistema de illamento térmico polo exterior); a instalación de carpintería exterior con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento; a substitución da cuberta; e varios arranxos no interior das vivendas. No edificio tamén se intervirá nun local comercial, ademais dos rochos correspondentes.

Para levar a cabo esta actuación, contarase con fondos propios do Instituto Galego da Vivenda e Solo e tamén con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo FEDER-Galicia 2014-2020.

Importante esforzo en vivenda en Monteporreiro

Esta nova intervención en materia de vivenda en Pontevedra súmase ao esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos na cidade e, concretamente, no barrio de Monteporreiro, no que se teñen investido máis de dous millóns de euros.

Así, no ano 2013 se achegaron 1,35 millóns de euros para a mellora e urbanización deste barrio, no treito entre as rúas Irlanda e Luxemburgo; que se suman aos máis de 500.000 euros dedicados ás obras de mellora de eficiencia enerxética que se están a levar a cabo en 79 vivendas protexidas localizada na rúa Bélxica.

Cómpre lembrar que, en total, a cidade de Pontevedra dispón nestes momentos de arredor de 500 vivendas de promoción pública, ben sexan adxudicadas en réxime de alugueiro ou ben en compra-venta.
 

Data de actualización: 09/07/2019