Os proxectos dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro permitiron crear máis de 1.200 empregos en Galicia desde 2010

As preto de 730 iniciativas aprobadas pola Xunta xeraron arredor de 500 postos de traballo directos a tempo completo e favoreceron o aumento do valor engadido bruto da economía galega en case 57 millóns de euros

As axudas concedidas nestes anos para accións de dinamización das zonas costeiras superaron os 40 millóns de euros

O ‘Diario Oficial de Galicia’ vén de publicar hoxe a ampliación en máis de 1,2 millóns de euros do crédito de 2019 para achegas vencelladas ás estratexias de desenvolvemento local participativo no litoral da comunidade
 

Santiago, 9 de xullo de 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe no Parlamento que os proxectos desenvolvidos desde o ano 2010 no marco dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) -antes coñecidos como Grupos de Acción Costeira (GAC) e creados para favorecer a dinamización económica das zonas do litoral- permitiron xerar en Galicia máis de 1.200 empregos a tempo completo entre directos e indirectos e incrementar o valor engadido bruto do conxunto da economía galega en case 57 millóns de euros.

A titular de Mar compareceu na Cámara galega para dar conta do impacto das estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP nas zonas costeiras de Galicia e analizou polo miúdo os investimentos feitos tanto na primeira fase destes proxectos -no marco dos GAC, entre 2010 e 2014- como na segunda -xa como GALP, de 2016 a 2020- así como os seus resultados en materia de iniciativas desenvolvidas, investimentos e empregos xerados.

Na primeira etapa desta estratexia, financiada co Fondo Europeo da Pesca (FEP), a Xunta aprobou un total de 426 proxectos, aos que destinou de 23,2 millóns de euros en achegas. As iniciativas postas en marcha para dinamizar o litoral permitiron crear máis de 250 empregos directos grazas á “boa acollida” destes fondos por parte do sector.

“A boa experiencia e as ensinanzas extraídas neste período levaron a Galicia a redobrar os esforzos por este obxectivo, algo que tamén nos permitiu a aposta ampliada por estes proxectos do novo regulamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)”, subliñou Rosa Quintana durante a súa intervención. Esta aposta decidida levou a aumentar o orzamento para estas iniciativas ata preto dos 58 millóns para o período 2016-2020.

Só nos tres primeiros anos desta nova etapa, ata 2018, o Executivo galego aprobou 301 proxectos dos GALP, entre case 650 recibidos, e concedeu axudas por valor de 19 millóns de euros. Estes investimentos, que permitiron mobilizar outros 24 millóns de euros do ámbito privado, xeraron 267 empregos directos a tempo completo.

Como mostra do compromiso da Consellería do Mar con este tipo de proxectos, Rosa Quintana tamén anunciou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar hoxe unha orde pola que se amplía en máis de 1,2 millóns de euros o crédito para a concesión de axudas para proxectos das estratexias de desenvolvemento local participativo. “Así poderanse atender máis iniciativas este mesmo ano”, detallou a titular de Mar.

Obxectivos dos GALP

As actuacións desenvolvidas polos GALP buscan aumentar o emprego e a cohesión social nas comunidades pesqueiras. De feito, os oito grupos actuais agrupan a 361 entidades sociais -105 delas do sector pesqueiro- e representan a máis de 11.000 persoas de todo o litoral de Galicia. Entre os obxectivos dos proxectos están a atracción de xente nova ás zonas costeiras, a promoción da innovación, o apoio á diversificación dentro e fóra do sector pesqueiro, o impulso do patrimonio ambiental e cultural, o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e na cogobernanza dos recursos pesqueiros e a promoción das distintas actividades marítimas no ámbito local.

“Nesta estratexia participativa reeditamos e ampliamos a cogobernanza co sector. Temos aínda retos futuros como o estímulo da presentación de proxectos por parte dos profesionais da pesca pero sabemos que iso vai parello a unha necesaria simplificación e axilización na aplicación do novo fondo marítimo pesqueiro”, concluíu a representante do Executivo galego. Precisamente, a Xunta xa está a facer xestións no marco da reforma do FEMP para que se simplifique a tramitación das axudas co obxectivo, entre outros, de dinamizar as zonas costeiras e evitar que queden fondos sen executar.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 09/07/2019