A Xunta destaca que a responsabilidade social caracteriza ao sector pesqueiro polo seu labor na protección dos recursos

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participaron hoxe en Vigo na presentación do Observatorio da Economía Social no Sector Pesqueiro e a Guía de oportunidades para as iniciativas de economía social de Fundamar

A Rede Eusumo da Xunta para o fomento do cooperativismo e a economía social en Galicia apoia a Estratexia para a promoción da economía social no ámbito da pesca industrial de Fundamar

Toca resalta que a primeira Estratexia de economía social que desenvolve a Administración autonómica está a impulsar 25 medidas ata 2021 co obxectivo de xerar 3000 empregos e 300 novas entidades

Rodríguez sinala que Galicia está comprometida co presente e futuro da actividade pesqueira para que sexa máis produtiva, competitiva e sustentable

Vigo, 9 de xullo de 2019

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacaron hoxe en Vigo a importancia de dotar de maior valor á economía social en Galicia, en concreto, nun dos sectores máis representativos da economía galega como é o pesqueiro. Sinalaron que a responsabilidade social caracteriza ao sector pesqueiro polo seu labor na protección dos recursos na presentación do Observatorio da Economía Social no Sector Pesqueiro e a Guía de oportunidades para as iniciativas de economía social no sector da pesca industrial, organizado pola Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar), dependente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI).

Toca resaltou a importancia da economía social en Galicia que conta con 3000 entidades que xeran 14.500 postos de traballo directos. Referiuse, ademais, á Estratexia da Economía Social coa que se están a poñer en marcha 25 medidas cun investimento de 73M€ para aumentar nun 10% as entidades de economía social activas e un 20% os empregos vencellados. Destacou, así mesmo, que a economía social é un modelo de negocio que se basea nas persoas e que opera de xeito viable e sostible e que representa unha oportunidade para a mellora da empregabilidade das mulleres.

A responsable de Emprego indicou que a Xunta traballa por conseguir territorios máis igualitarios e con máis oportunidades con empresas enfocadas ás persoas e cunha maior cohesión territorial e social. Sinalou, ademais, o labor realizado a través da Rede Eusumo que, ao longo do pasado ano, alcanzou 206 entidades adheridas, asesorou máis de 450 proxectos e realizou preto de 200 actividades formativas e divulgativas nas que participaron máis de 4700 persoas. De feito, Fundamar puxo en marcha en 2018 a Estratexia para a promoción da economía social no ámbito da pesca industrial co apoio da Rede Eusumo.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, pola súa banda, destacou que a responsabilidade social non é un aspecto novidoso para o sector pesqueiro galego, aínda que antes non se lle chamase por ese nome, e que Galicia está comprometida co presente e co futuro desta actividade para que sexa máis produtiva, competitiva e sustentable. “Definilo como responsabilidade social é simplemente pórlle un título ao que se fixo durante toda a vida, protexer as tres vertentes da actividade por igual: a social, a económica e a ambiental”, salientou.

Susana Rodríguez incidiu en que o sector pesqueiro galego é competitivo e que debe ser o suficientemente forte para seguir na primeira liña adaptándose aos cambios que se producen froito da innovación e das novas tecnoloxías. “Temos un sector que fusiona a tradición do seu traballo coa modernidade das tecnoloxías e que incorpora eficazmente ás súas tarefas os novos sistemas de traballo sustentados en procesos innovadores”, explicou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Neste sentido, subliñou que os profesionais do mar son conscientes de que o mar poder ser un ben esgotable se non é xestionado de xeito sustentable e responsable, polo que adoptan medidas para protexer os recursos e garantir o futuro da actividade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/07/2019