O Sergas destinou este ano máis de 180.000 euros á asociación Asvidal para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou as dependencias da unidade de tratamento da entidade sen ánimo de lucro

A Asociación Viguesa de Alcoholoxía atendeu en 2018 a preto de 600 pacientes da zona sur da provincia de Pontevedra

Vigo, 9 de xullo de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as instalacións da Unidade de Tratamento de Alcoholismo da Asociación Viguesa de Alcoholoxía (Asvidal) e interesouse polo traballo desenvolvido. O departamento sanitario galego vén colaborando dende hai anos coa asociación viguesa a través de convenios de colaboración ao obxecto de dar unha resposta máis completa e integral no ámbito da atención aos trastornos relacionados con substancias e os trastornos adictivos. Concretamente, este ano Asvidal recibiu unha axuda do Sergas de máis de 180.644 euros para o desenvolvemento de programas de intervención e asistencia sanitaria a pacientes con trastornos adictivos.

A entidade, constituída en 1983, presta asistencia a pacientes con trastornos adictivos de dependencia relacionados fundamentalmente co alcol, pero tamén co tabaco e outras dependencias sen substancias, de 26 concellos da zona sur da provincia de Pontevedra. Trátase dos concellos de Vigo, Arbo, Baiona, Cangas, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos, Gondomar, A Guarda, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui.

Asvidal xestiona na súa unidade os programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos (alcohol, tabaco e outras dependencias sen substancias) e programas sociosanitarios de prevención do alcoholismo. Ao longo do pasado ano a entidade viguesa sen ánimo de lucro atendeu a preto de 600 pacientes.

O centro da asociación viguesa ten unha superficie de 200 metros cadrados, dispón de cinco despachos (sala de reunións-biblioteca, sala de espera, sala de terapia, entrada de recepción e unha sala polivalente, ademais de almacéns e baños) e o seu equipo asistencial componse de psicólogas clínicas, médico especialista de alcoholismo e traballadoras sociais.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 09/07/2019