A Xunta acorda cos concesionarios galegos adiantar ao 24 de xullo o prazo de solicitude das axudas para a compra de vehículos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza cos representantes dos concesionarios galegos e dos puntos puntos de venda de vehiculos para abordar o novo programa de apoios que foi consensuado co sector

Os particulares, autónomos e empresas recibirán axudas que oscilarán entre os 1000 e os 1500 euros

Permanece aínda aberto o prazo para que se inscriban nesta iniciativa concesionarios e puntos de venda que ata o de agora suman un total de 64

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de outubro
 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza cos representantes dos concesionarios galegos e dos puntos de venda de vehículos para abordar o novo programa de axudas para a compra de vehículos que xa foi consensuado co sector. Conde comunicoulles que, respondendo a súa demanda, o prazo de solicitude das axudas adiántase ao 24 de xullo e lembrou que aínda permanece aberto o prazo para que se inscriban os concesionarios e puntos de venda. Ata o de agora, un total de 64 concesionarios adheríronse ao programa autonómico.

As axudas, dirixidas principalmente a particulares, pero tamén a autónomos e empresas, poden solicitarse ata o próximo 15 de outubro, aínda que a resolución será por orde de chegada das peticións. Os beneficiarios recibirán entre 1000 e 1500 euros sendo o requisito principal contar cun coche de máis de 10 anos de antigüidade coa ITV en vigor e que o solicitante teña sido titular do coche durante polo menos un ano. O vehículo que se adquira non pode superar un prezo de 40.000 euros e debe contar cun límite de emisións no caso de turismos de ata 120 gramos CO2/quilómetro. Para as furgonetas, as emisións non poderán superar os 137 gramos CO2/quilómetro.

Conde destacou que o obxectivo desta iniciativa é contribuír á renovación do parque móbil galego apostando por modelos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente e que dispoñan das últimas novidades en materia de innovación e seguridade. Así mesmo, indicou que a actuación vai encamiñada a apoiar á industria galega da automoción ante “as incertezas” que no sector enerxético está xerando o Estado, que provocan dúbidas aos consumidores.

Neste senso, o conselleiro incidiu en que as tecnoloxías do diésel e de gasolina son eficientes e poden seguir apoiándose nun proceso de transición enerxética que, nas súas palabras, ten que ser “progresivo, xusto, ordenado e con sentido común”. Así, sinalou que a finalidade deste programa de axudas é favorecer e facilitar a renovación dos vehículos en Galicia trasladándolle aos consumidores a confianza necesaria e apoiar ao sector da automoción que xera na Comunidade galega máis de 20.000 postos de traballo.

O titular de Economía apuntou que a Xunta escoitou as demandas do tecido empresarial e buscou solucións consensuadas co sector. Así, sinalou que estas axudas cumpren un cuádruplo obxectivo: empresarial, xa que a previsión é que se poidan renovar 2000 turismos e furgonetas, mobilizando 40 millóns de euros; laboral porque se xerarán 320 empregos directos; medioambiental ao reducirse en 1600 toneladas as emisións de CO2 ao ano, o equivalente á acción de 80.000 árbores; e económico ao permitir importantes aforros aos galegos e galegas, sobre 727.000 euros anuais.

A Xunta inviste neste programa 1,1 millón de euros dos que 800.000 euros diríxense a particulares e os 300.000 restantes a empresas e autónomos.

Plan Moves

Para rematar, Conde afirmou que estas axudas son compatibles co apoio a tecnoloxías eléctricas ou híbridas. Neste senso, lembrou que a Xunta tamén favorece a compra de vehículos con tecnoloxías alternativas a través do Plan Moves, unha iniciativa que conta cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros cos que se prevé impulsar a compra de 500 vehículos eléctricos ou alternativos (gas natural ou gas licuado de petróleo). Mobilizaranse así 11 millóns de euros na Comunidade, contribuíndo á creación ou mantemento de arredor de 90 empregos. O prazo de solicitude destas axudas continúa aberto.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/07/2019