A Xunta lanza varios retos ao sector tecnolóxico para aplicar o blockchain á administración dixital, o turismo e á trazabilidade alimentaria

Ata o 30 de setembro as empresas especializadas neste ámbito poderán presentar as súas propostas iniciais

A partir desa data e ata finais de ano abrirase un período de reflexión ata definir a solución más axeitada a cada caso

É unha iniciativa impulsada desde a Amtega, que se deu a coñecer hoxe durante a xornada “Retos e oportunidades para Blockchain en ámbitos estratéxicos en Galicia", organizada en colaboración con Alastria

A directora da Amtega lembrou na inauguración que o posicioamento de Galicia nas tecnoloxías disruptivas é un dos obxectivos da Estratexia Dixital 2030

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) anunciou hoxe o lanzamento de varios retos para aplicar a tecnoloxía blockchain a iniciativas da administración dixital, o turismo e a trazabilidade alimentaria. Así o expuxeron esta mañá responsables da Amtega durante a xornada “Retos e oportunidades para Blockchain en ámbitos estratéxicos en Galicia", organizada en colaboración con Alastria.

Son un total de sete propostas coas que a Administración autonómica busca mellorar a transparencia e a automatización e cuestións relativas á identificación dixital, a procesos vinculados á carpeta cidadá, á interoperabilidade ou na acreditación das competencias dixitais. Tamén se lanzaron retos vinculados ao sector turístico, en concreto co Camiño de Santiago, para garantir a identidade e mellorar a fidelización do visitantes; e outro específico para resolver as problemáticas asociadas á trazabilidade alimentaria.

O obxectivo desta convocatoria é Identificar tanto as tecnoloxías, como as solucións organizativas e de xestión que dean reposta aos retos formulados, así como os custes asociados e as vantaxes respecto a outras plataformas tradicionais.

As empresas do sector interesadas teñen desde hoxe e ata o 30 de setembro para presentar as súas propostas iniciais. A partir desa data e ata finais de ano abrirase un período de reflexión ata definir a solución más axeitada a cada caso.

Aposta polas tecnoloxías disruptivas

A directora da Amtega, Mar Pereira, que inaugurou o encontro xunto coa presidenta de Alastria, María Parga, destacou que o posicionamento de Galicia nas tecnoloxías disruptivas é un dos obxectivos da Estratexia Dixital 2030, que está en proceso de elaboración neste momento.

A directora da Amtega sinalou que esta folla de ruta para a vindeira década pivotará sobre o potencial transformador das tecnoloxías disruptivas, e por iso desde a Administración quérese reforzar as capacidades de Galicia nas novas redes de alta capacidade, na análise intelixente do dato, na intelixencia artificial, ou na ciberseguridade.

Casos de uso

Esta xornada enmárcase nas actuacións previstas no convenio de colaboración asinado o pasado mes de marzo pola Amtega e Alastria, para aplicar a tecnoloxía blockchain a sectores estratéxicos. No encontro presentáronse exemplos da aplicación de blockchain no sector bancario como o de ABANCA e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco (Anfaco) propuxo liñas de actuación nas que o blockchain pode axudar ao sector.


Blockchain

 

Alastria é un consorcio multisectorial sen ánimo de lucro, conformado por preto de 300 entidades, entre empresas, administracións públicas e universidades, que ten como obxectivo fundamental favorecer a implantación, estandarización, protección e utilización do Blockchain en España acorde co regulamento europea.

O blockchain é unha tecnoloxía que permite gardar “bloques de información” conectados entre si en diferentes equipos, en lugar de condensar toda a información nun só lugar. Así, se se producise un fallo nunha plataforma de almacenamento, existen copias da información noutros lugares, o que o fai máis seguro que un sistema normal.

Ademais, a información está cifrada e non existe a posibilidade de eliminar ou modificar a xa existente só engadir nova, o que favorece a transparencia. As principais vantaxes desta tecnoloxía son a eliminación de intermediarios, a ausencia de posicións dominantes e o aumento da contorna de seguridade nas operacións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/07/2019