A Xunta avoga por reforzar as políticas de emprego para contribuír ao desenvolvemento profesional das mulleres

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Lugo na xornada ‘Políticas de Igualdade e Conciliación nas Empresas’, organizada por Executivas de Galicia

Destaca a aposta da Administración autonómica para impulsar o papel da muller en materia laboral promovendo, a través do programa Emprega Feminino, o seu acceso ao emprego e a postos de responsabilidade

Apela á colaboración entre administracións e axentes sociais para acadar a igualdade efectiva entre homes e mulleres

En materia de conciliación, pon en valor as axudas de Emprego para fomentar nas pemes e entre os autónomos o teletraballo e a flexibilidade horaria
 

Lugo, 10 de xullo de 2019

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, puxo hoxe en valor en Lugo o papel da muller no mercado laboral na xornada organizada por Executivas Políticas de Igualdade e Conciliación nas Empresas. Na súa intervención apostou por seguir reforzando con políticas de emprego o seu desenvolvemento profesional.

Toca sinalou que o obxectivo da Administración autonómica é facilitar que os traballadores e traballadoras teñan as mesmas oportunidades para o seu desenvolvemento profesional e reforzar o papel da muller promovendo o seu acceso ao emprego e a postos de responsabilidade.

Así, apelou á colaboración entre as administracións e os axentes económicos e sociais para acadar a igualdade efectiva entre homes e mulleres indicando que, precisamente, este asunto está a abordarse no proceso do diálogo social iniciado en Galicia. Engadiu, ao respecto, que a cooperación favorecerá a inserción das mulleres no mercado de traballo e axudará a equilibrar a súa participación en todos os sectores e todas as categorías profesionais coa dos homes.

A secretaria xeral indicou, así mesmo, que o diálogo e a negociación colectiva son os mellores instrumentos para abordar a nova realidade do mercado de traballo que ten como un dos retos principais a igualdade efectiva entre homes e mulleres.

Destacou, ademais, a importancia de vixiar o cumprimento dos criterios de igualdade nas empresas recordando que a Xunta, ademais de contar con apoios para impulsar o papel da muller no mercado laboral, traballa en coordinación coa Inspección de Traballo con actuacións dirixidas á persecución da discriminación por razón de xénero.

Unha das prioridades do Goberno galego é lograr a igualdade real entre homes e mulleres, tamén en materia laboral, polo que está en marcha o programa Emprega en Feminino, que entre os seus eixes de actuación contempla o apoio para o autoemprego e emprendemento das mulleres galegas. Neste sentido, Toca subliñou que o cooperativismo representa unha oportunidade para a mellora da empregabilidade deste colectivo e sinalou que a Estratexia de Economía Social ten entre os seus obxectivos sumar capacidades, mellorando a capacitación emprendedora e promovendo a creación de empregos, especialmente entre as mulleres e a mocidade do rural galego.

Con respecto ao tema da conciliación nas empresas, animou ao tecido produtivo a adoptar medidas que incidan neste aspecto, xa que resaltou que mellorar a conciliación dos traballadores e traballadoras incrementa a competitividade empresarial. Nesta materia, a Administración autonómica conta con axudas dirixidas a pemes e autónomos para impulsar en Galicia a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, persoal e familiar e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE). Para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, establécense incentivos para o fomento do teletraballo e flexibilidade horaria, así como apoios para a adquisición de elementos tecnolóxicos que faciliten o teletraballo.
 

Data de actualización: 10/07/2019