O conselleiro do Medio Rural respondeu hoxe unha interpelación no Parlamento galego
Xóvenes Agricultores foi a organización profesional agraria que menos diñeiro percibiu da Xunta desde 2005

José González insistiu en que esta asociación non recibe axudas do Goberno galego dende 2014 e aclarou que durante a etapa do PP abríronselles diferentes expedientes de reintegro por incumprimento da finalidade obxecto das axudas

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, explicou hoxe no Parlamento que a Asociación Profesional de Xóvenes Agricultores foi a que menos diñeiro percibiu durante o goberno do Partido Popular na Xunta, en comparación con outras organizacións agrarias.

En resposta a unha interpelación sobre este asunto, o conselleiro aclarou que asociacións como o Sindicato Labrego Galego ou Unións Agrarias recibiron máis fondos da Xunta tanto no período do Partido Popular como do bipartito.

Así, ambas beneficiáronse desde 2005 de achegas por importe de 5,2 e 5,1 millóns, respectivamente, fronte os 4,9 millóns de Xóvenes Agricultores, dos cales se lle esixiu reintegro de 2,1 millóns. Ademais, insistiu en que dende 2014 non existen axudas que a Administración autonómica fixese a Xóvenes Agricultores.

Nesta liña, o conselleiro explicou que durante a etapa do PP abríronselles diferentes expedientes de reintegro á devandita asociación por incumprimento da finalidade obxecto das axudas. O total do reintegro esixido nestes expedientes ascende a 2.100.912 euros, engadiu.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/07/2019