Pomar aborda novas políticas educativas cos expertos de Harvard Shari Tishman e Fernando Reimers

No marco da viaxe aos Estados Unidos para participar no congreso Confratute sobre creatividade e desenvolvemento do talento

Massachussets (EEUU), 10 de xullo de 2019

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, reuniuse onte cos profesores da Escola Superior de Educación de Harvard Shari Tishman e Fernando Reimers, cos que afondou nas liñas de investigación de ambos expertos. Os encontros tiveron lugar na sede da universidade estadounidense, no marco da viaxe de Pomar a este país para participar no congreso Confratute, de creatividade e desenvolvemento do talento, organizado polo Centro Renzulli da Universidade de Connecticut.

Na xuntanza con Shari Tishman, experta na arte como ferramenta educativa e de desenvolvemento profesional de docentes, a conselleira abordou a necesidade de instaurar rutinas de pensamento baseadas na observación e na reflexión, unidas á corrente coñecida como slow looking, co obxectivo de mellorar os niveis de comprensión do alumnado.

Con Fernando Reimers, o encontro centrouse nas políticas educativas e no importante papel que teñen os gobernos na formación da cidadanía do século XXI. Desde a súa grande experiencia no campo da investigación aplicada e os diálogos como ferramenta fundamental para o consenso, un dos puntos tratados foi o da educación como vehículo para o exercicio da liberdade democrática.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/07/2019