O conselleiro do Medio Rural respondeu no Parlamento a varias preguntas sobre a actividade do seu departamento
José González destaca o “importante esforzo” feito pola Xunta para que os mozos recuperen parte do tributado nos últimos anos polas axudas de incorporación

O titular de Medio Rural lembrou que se enviaron escritos a cada un dos beneficiarios e mesmo se organizou unha charla específica a cargo dun catedrático de Dereito Tributario

José González explicou tamén que o emprego de praguicidas, e máis concretamente do glifosato, está autorizado pola UE ata o 2022, malia que a Xunta aconsella dar prioridade ao uso de produtos non químicos

Destacou ademais que Galicia lidera dentro de España a execución financeira do Programa de Desenvolvemento Rural desde 2016
 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019

A Consellería do Medio Rural fixo un esforzo importante para informar os mozos beneficiarios das axudas de incorporación á actividade agraria do seu dereito á devolución de parte dos impostos pagados por este concepto. Así o explicou o conselleiro José González esta tarde no Parlamento en resposta a unha pregunta na que deu conta das medidas adoptadas polo seu departamento neste sentido.

O titular de Medio Rural indicou que desde a consellería se informou a todos os mozos beneficiarios destas axudas sobre esta realidade, mediante o envío de mensaxes de texto e cartas impresas ou por correo electrónico. Ademais, organizouse unha charla informativa específica por parte do catedrático de Dereito Tributario Miguel Caamaño para todos os interesados, tanto para os propios particulares como para asociacións, sindicatos, asesorías e xestorías que lle tramitan as axudas ás persoas mozas que se incorporan ao agro.

Carga tributaria

A maiores, o conselleiro debullou na Cámara os pormenores desta situación. Así, dixo que a Administración Tributaria contempla as devanditas axudas como subvencións correntes, polo que en principio deberían imputarse, a efectos fiscais, como ingreso no exercicio do seu recoñecemento. Isto supón unha carga tributaria considerable para os mozos e, ademais, o criterio da administración estatal non é compartido polos órganos revisores, segundo aclarou José González.

Neste sentido, o conselleiro subliñou que tanto o Tribunal Económico-Administrativo Central (TEAC), como o Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia (Tearg) consideran a subvención como de capital, polo que a fiscalidade debería imputarse a medida que se amortizasen os investimentos ou gastos realizados. Consonte a esta argumentación, os mozos beneficiarios das axudas poden reclamar a devolución de parte dos pagos realizados, como así se lles comunicou por parte da Xunta.

Uso de praguicidas

En resposta a outra pregunta no pleno da Cámara sobre o uso de praguicidas, e máis concretamente sobre o emprego do glifosato, o conselleiro lembrou que este produto conta con autorización por parte da Unión Europea ata o ano 2022, polo que se trata dun produto legal.

Matizou que por parte da Consellería do Medio Rural sempre se recomenda o baixo uso de praguicidas químicos, dando prioridade, cando sexa posible, a métodos non químicos. José González indicou tamén que, no caso da súa utilización, debe facerse baixo as indicacións establecidas na normativa.

Execución do PDR

Por último, o conselleiro deu resposta tamén a unha pregunta parlamentaria sobre o grao de execución do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia desde o 2016. Aclarou que a porcentaxe está no 38,2%, é dicir, oito puntos por riba da media española.

Con estes datos, engadiu José González, a nosa comunidade ocupa o sexto lugar na clasificación nacional por autonomías e se a comparación se fai con PDR de similar ou superior tamaño (Castela e León, Estremadura, Castela - A Mancha ou Andalucía), Galicia se sitúa no primeiro lugar.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/07/2019