Almuiña lembra que a atención de fisioterapia en Lugo e na Mariña realízase con medios propios

O HULA ampliou o seu persoal con seis novos fisioterapeutas e o Hospital da Mariña con outros dous, aos que hai que engadir, en Lugo, un segundo terapeuta ocupacional dende esta semana e un segundo logopeda dende o vindeiro luns

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe no Parlamento que o servizo de fisioterapia no HULA e no Hospital da Mariña ampliaron as súas plantillas con oito fisioterapeutas, seis no primeiro centro e outros dous no segundo, polo que a fisioterapia na Eoxi de Lugo estase a realizar con medios propios.

Por outra banda, na unidade de atención temperá do Hula ademais, dende o día 8 de xullo, está contratado un segundo terapeuta ocupacional e o vindeiro luns día 15 incorporarase un segundo logopeda. Está previsto que un dos terapeutas se desprace algún día a semana ata o Hospital de Monforte, evitando deste xeito o traslado dos pacientes da zona ata Lugo para recibir tratamento

O conselleiro lembrou que a sanidade galega “ é cento por cento pública, de excelente calidade, apreciada por todos os galegos e recoñecida polo seu alto nivel”.

A prestación sanitaria realízase, na súa maior parte, con medios e recursos propios do Sergas e en ocasións, para poder garantir a prestación de asistencia sanitaria de óptima calidade, con eficacia e nos prazos establecidos na normativa vixente, a asistencia poderá ser prestada a través de centros sanitarios hospitalarios privados autorizados mediante contratos de xestión de servizos públicos.

Referíndose aos concertos de asistencia, Almuiña afirmou que levan facéndose dende hai décadas, desde antes da transferencia das competencias en materia de sanidade á Comunidade Autónoma de Galicia, en tempos do INSALUD e do extinto Instituto Nacional de Previsión (I.N.P). Estes servizos veñen prestándose de xeito complementario ás prestacións do Servizo Galego de Saúde.

O obxectivo non é outro que conseguir que os cidadáns continúen a recibir unha asistencia sanitaria de óptima calidade e eficacia.
 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 10/07/2019