A Xunta sinala que unha xestión baseada nos principios de RSE incrementa a competitividade nas pemes e mellora as condicións laborais dos traballadores

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta mañá na Coruña na xornada ‘Marcando o camiño cara unha economía circular’
 

Toca pon en valor o esforzo da Xunta para que Galicia sexa un espazo de oportunidades para o desenvolvemento social, ambiental e económico responsable baseado na colaboración dos axentes públicos e privados

A Estratexia Galega da RSE, con 30 medidas ata 2021, busca aumentar os plans de igualdade e a oferta de contratos públicos con cláusulas sociais
 

A Coruña, 11 de xullo de 2019

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na xornada Marcando o camiño cara unha economía circular, unha iniciativa enmarcada no programa RSE Innolab, que forma parte do proxecto europeo Xeración de emprego de calidade transfronteirizo (Poctep Gemcat), do que son socias, ademais de Galicia, o norte de Portugal, Castela León e Estremadura.

Toca destacou que os principais obxectivos da xornada foron motivar ás empresas para que integren a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) nas súas políticas de xestión; crear e propiciar un marco para o intercambio de experiencias, estratexias e sensibilidades, vinculadas á RSE e á sustentabilidade; e aumentar a promoción da RSE entre o tecido produtivo.

As firmas participantes nesta actividade reciben, ademais, formación de xeito gratuíto nesta materia. En concreto, desenvolven un curso de 40 horas de formación presencial especializada e realizan unha segunda parte on line de 120 horas de duración. Os alumnos e alumnas que participen nesta actuación e desenvolvan un traballo final recibirán un certificado que será expedido pola Secretaría Xeral de Emprego.

Toca, na súa intervención nesta xornada, indicou que a RSE é un reto prioritario do Goberno galego co obxectivo de contar con empresas máis comprometidas co seu contorno, que gañen en competitividade e que dispoñan de mellores condicións laborais para os seus traballadores.

De feito, este mesmo ano aprobouse a Estratexia Galega da RSE con 30 medidas ata 2021 centrada nas empresas, na administración e na sociedade. Preténdese incrementar o seu nivel de coñecemento e tamén de integración no tecido produtivo, á vez que se aumentan os plans de igualdade e a oferta de contratos públicos con cláusulas sociais.

Covadonga Toca asegurou que a Xunta traballa para que a Administración e o tecido produtivo traballen da man para contar cunha Galicia que sexa un espazo de oportunidades para o desenvolvemento social, ambiental e económico responsable baseado na colaboración dos axentes públicos e privados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/07/2019