Ovidio Rodeiro destaca a aposta da Xunta por Bergantiños e a Costa da Morte cun investimento de máis de 62 M€ nos principais programas e actuacións de 2018 e 2019

O delegado da Xunta e o seu equipo de xefes territoriais mantiveron un encontro de traballo en Carballo dedicada a esta comarca

Neste encontro informouse que a inclusión de Carballo no Plan de Transporte da Xunta permitiu que dende o 2015 se realizasen coa Tarxeta Metropolitana máis de 600.000 viaxes e que conten coa Tarxeta Xente Nova, para viaxar gratis, 776 menores de 19 anos

A Consellería de Educación tamén inviste nesta área máis de 761.000 euros para facer 23 actuacións en 17 centros educativos
 

Carballo (A Coruña), 11 de xullo de 2019

O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, e o seu equipo de xefes territoriais da Xunta de Galicia da provincia mantiveron, esta mañá, un encontro de traballo no Centro da Xuventude de Carballo. O motivo do encontro, segundo apuntou o representante do Goberno autonómico, foi “trasladar ao territorio o noso traballo e dedicar a esta comarca unha xornada monográfica para analizar o que se fixo, o que estamos facendo e o que imos a facer nesta área de Bergantiños-Costa da Morte que engloba a 16 concellos (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas).

Neste senso, Rodeiro recalcou que “estas xornadas, que se van a repetir de forma periódica, teñen como obxectivo estar preto de aqueles asuntos que son de interese para os alcaldes e os veciños e, no caso de que fose preciso, coñecelos de primeira man”.

Neste primeiro encontro se fixo un balance dos principais investimentos e programas da Xunta na comarca no 2018 e no que levamos de 2019 e repasaron algúns dos proxectos de futuro comprometidos pola Xunta para esta área.

Ovidio Rodeiro informou que nos principais programas, axudas e inversións en Bergantiños-Costa da Morte a Xunta leva investidos máis de 62 millóns de euros, 55,4 millóns de euros en 2018 e case 6,7 millóns de euros no que levamos de 2019. Ademais, recalcou que “a mellora das infraestruturas foron e seguirán sendo unha prioridades para o goberno galego”.

“O total de investimentos nas obras máis importantes postas en marcha en 2018 e previstas para 2019 chegan case aos 11 millóns de euros, dos cales 5 millóns van destinados ás sete sendas, cinco en servizo e dúas en información pública e supervisión”, puntualizou. Outros 3,2 millóns se aportan para o saneamento nesta comarca nos concellos de Dumbría, Fisterra e Laracha e 2,4 millóns de euros se destinan a obras de reforzo de firme en Cabana de Bergantiños, Carballo, Cee, Cerceda, Coristanco, Dumbría, A Laracha, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Ovidio Rodeiro fixo un detallado repaso polos actuacións levadas a cabo polo Goberno actual da Xunta, que permitiron a inclusión de Carballo no transporte Metropolitano, o maior plan social de transporte posto en marcha en Galicia ata hoxe, favorecendo que os menores de 19 anos de Carballo se movan en autobús polo seu concello e incluso ata Arteixo e A Coruña de forma gratuíta.

Neste senso, o delegado territorial informou que dende que se implantou o Plan de Transporte Metropolitano en Carballo en 2015 se realizaron entre idas e voltas coa Tarxeta Metropolitana máis de 600.000 viaxes cos seus correspondentes descontos e neste momento están activas 776 Tarxetas Xente Nova, que serviron no 2018 para que mozos menores de 19 anos realizasen máis de 16.400 viaxes cun custe para a Xunta de Galicia que supera os 40.000 euros.

Outro dos temas importantes analizados no encontro foron as obras previstas nos centros educativos da comarca. En concreto, a Consellería de Educación levará a cabo 23 actuacións en 17 centros educativos cun investimento total de máis de 761.000 euros. Destas obras sete xa están finalizadas, tres en execución e o resto en fase de planificación para iniciarse nas vindeiras semanas, aproveitando a época estival.

O delegado territorial destacou que a obra máis importante que imos acometer nesta comarca será a ampliación do CEIP Otero Pedraio de A Laracha en 3 unidades cun investimento que supera os 500.000 euros. “Está xa na fase de valoración de ofertas para a súa inmediata licitación e comezarase previsiblemente a finais da agosto”. recalcou.

En Carballo actuarase no IES Alfredo Brañas levando a cabo a reforma da cuberta e das ventás e a reforma eléctrica do IES Monte Neme, ambas obras suporán un investimento que supera os 30.000 euros.

Tamén lembrou a maiores os 1,6 millóns de euros que se investirán no CEIP Fogar de Carballo con cargo ao superávit que se adxudicaron esta mesma semana e que se iniciarán en breve

Con respecto aos Servizos Sociais, o delegado territorial puxo en valor o importante esforzo que dende a Xunta de Galicia se está facendo para atender as necesidades de quen máis o necesita

Como exemplo destacou que na comarca incrementouse de maio de 2018 a maio de 2019 un 34% o número de horas de SAF (Axuda a Domicilio), pasando de 69.156 a 92.527 horas e un 29% o importe trimestral destas achegas pasando de 631.691 euros a 813.323 euros trimestrais.

En relación co Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia) se está dando cobertura a 252 persoas cun importe mensual de máis 116.000 euros e a Consellería de Política Social aporta case outros 500.000 euros ao ano na comarca para o Plan Concertado para axudar aos concellos a prestar os servizos sociais .

Estes datos poñen en evidencia a importancia da colaboración da Xunta cos concellos para poder prestar os servizos sociais básicos aos seus veciños. A Conselleira de Política Social destinou en 2018 preto de 5 millóns ao ano para dar cobertura aos principais servizos sociais nos municipios da comarca (SAF-Risga e Plan Concertado), para atender a máis de 1.147 usuarios.

En relación coa Consellería de Economía, Emprego e Industria Ovidio Rodeiro, apuntou que o plan de axudas para os parques empresariais deixará este ano en Carballo-Costa da Morte 354.000 euros para obras nos polígonos de Carballo, A Laracha, Cerceda, Zas e Cee lembrou que as achegas da Xunta para impulsar a contratación nos municipios permite que este ano se incorporen aos concellos desta área 66 persoas grazas a unha partida de 669.000 euros. Ademais, lembrou que “este mes de xullo 52 persoas rematarán a súa formación nos tres obradoiros de emprego que se están a celebrar na comarca cunha achega de máis de 711.000 euros e adiantou que dentro dunhas semanas se resolverá a nova edición deste tipo de iniciativas”.

No encontro tamén se analizaron as axudas do ano pasado a particulares da Consellería de Medio Rural que supoñen un investimento de 1,8M€ chegando a 70 beneficiarios. Concretamente o plan que contou cunha maior contía foi o de Plan de Mellora que beneficiou a 31 gandeiros e agricultores e contou cunha achega de 989.000€. Na liña de incorporación de mozos na comarca chegou a 18 beneficiarios cunha axuda de 503.000€ A esta cifra aclarou Ovidio Rodeiro, “hai que engadir as 21 axudas a pequenas explotacións cunha achega de 315.000 euros”.

Medio Rural tamén está traballando nas concentracións parcelarias nos concellos de Coristanco, Vimianzo, Zas e Ponteceso e investiu no 2018 máis 792.000 euros no Plan de Camiños municipais en todos os concellos da contorna. Ademais, colaborouse la subvención coa compra de tractores para os Concellos de Vimianzo e Zas con 85.000 € a cada uno. En canto ás achegas a particulares destacar os 8 millóns de euros que se repartiron das achegas da PAC a 1778 beneficiarios no 2018 e os 548.000 euros destinados a 5 empresas beneficiarias das axudas a industrias agrarias da comarca.

En relación coa colaboración cos concellos para loitar contra os incendios forestais a Xunta aporta case 300.000 euros aos gobernos locais para a posta en marcha de brigadas co seu correspondente equipamento.

A Consellería do Mar repartiu no 2018 case dous millóns de euros en axudas a confrarías, concellos e sector pesqueiro. Neste momento estase avanzando no proxecto de dragaxe do porto de Laxe, orzamentado en máis de catro millóns de euros repartidos en varias anualidades e xa en licitación, ao tempo que se está traballando para elaborar os proxectos de dragaxe e mellora do abrigo no porto de Malpica.

A Consellería de Sanidade levou a cabo varios investimentos na comarca que ascenden a máis de 1,8 millóns de euros entre 2018 e o que levamos de 2019. Á ampliación do PAC de A Laracha que conta cunha achega de 1 millóns de euros, hai que engadirlle os 700.000 euros investidos no Hospital Virxen da Xunqueira de Cee para a nova sala de hemodiálise e para a mellora dos quirófanos e os máis de 72.000 euros destinados ao Centro de Saúde de Malpica.

Finalmente, tamén se analizaron o estado dos proxectos que xa están aprobados para realizar este ano coas achegas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que deixarán no 2019 na comarca, entre as ordes de Infraestruturas e do Fondo de Compensación Ambiental, 767.000 euros para 19 obras. Aos que haberá que engadir as achegas do Fondo de Cooperación Local que rolda nesta área os 5.000.000 euros.

Estas axudas van destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/07/2019