Balseiro recibe aos participantes no campus de baloncesto Álex Llorca, que se desenvolve estes días en Lugo

O delegado territorial da Xunta destacou que a iniciativa “supón un estímulo para animar á xente nova a desfrutar do deporte e facela partícipe dos valores que implica”

Lugo, 11 de xullo de 2019

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, recibiu esta mañá na Delegación Territorial aos integrantes do campus de baloncesto Álex Llorca, que se desenvolve estes días na capital luguesa coa participación de máis dun cento de rapaces e rapazas de diferentes localidades galegas e do resto de España. No encontro estiveron, entre outras persoas, o propio Álex Llorca e o director técnico da actividade, Mateo Rubio.

“É unha satisfacción comprobar que iniciativas como este campus se consolidan”, destacou Balseiro, “porque supoñen un estímulo para animar á xente nova a desfrutar do deporte e facelos partícipes de todos os valores que implica, tales como o esforzo, o compromiso, o afán de superación e o compañeirismo”.

A Xunta colabora co campus a través da Secretaría Xeral para o Deporte, que financia o transporte dos participantes en autobús para asistir a actividades deportivas, e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que facilita o aloxamento no Centro de Educación Especial Santa María.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/07/2019