A conselleira do Mar e a directora xeral de Patrimonio Cultural participaron na inauguración do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
Galicia protexe e enxalza o seu patrimonio e historia cultural marítima a través do Encontro de Embarcacións Tradicionais

O Executivo galego colabora coa celebración deste evento con máis de 70.000 euros, entre os que se inclúe a posta a disposición dun pantalán adicional por parte de Portos de Galicia para o atraque das embarcacións participantes

A Xunta destaca a implicación social da vila da Guarda con este evento para a consolidación dun movemento a prol da salvagarda do patrimonio mariñeiro

Rosa Quintana lembra que o Executivo galego está a traballar nun plan acción único para a conservación do patrimonio marítimo-pesqueiro

A Guarda (Pontevedra), 11 de xullo de 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou hoxe que o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia é un exemplo da protección e posta en valor do patrimonio fluvial e da historia cultural marítima da comunidade, polo que se trata dun evento que o Executivo galego apoia e promove. Así o destacou durante a inauguración deste encontro, que se celebra na Guarda entre hoxe e o domingo, ao tempo que subliñou que conta “cunha fortísima implicación social e veciñal desta vila, que aporta así o seu grao de area á consolidación dun movemento a prol da salvagarda do patrimonio mariñeiro”.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, explicou que ese apoio se traduce nun convenio de colaboración coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) -que promove o evento- de 46.000 euros para a preservación da cultura e do patrimonio dos nosos mares e ríos e nunha achega de 15.000 euros por parte de Portos de Galicia para o uso de instalacións do peirao guardés e a colocación temporal dun pantalán adicional para o atraque das embarcacións participantes.

Esta edición do encontro, que se celebra cada dous anos e ten carácter itinerante por toda Galicia, foi organizada por Culturmar, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, o Instituto de Estudos Miñoranos e o Concello da Guarda e céntrase no binomio río-mar -pola fronteira natural co río Miño- e na tradición marítima do sur de Galicia e do norte de Portugal. Precisamente, Rosa Quintana enxalzou o traballo da Asociación Piueiro, que construíu unha réplica dun volanteiro que se poderá ver nestes días e que “motivou que Culturmar decidise organizar este encontro na Guarda”.

A conselleira do Mar tamén lembrou que a Xunta está a traballar nun plan de acción único para a conservación do patrimonio marítimo-pesqueiro, do que se prevé que estea lista a súa parte inicial a mediados de 2020 e que se comece a actuar no 2021. “É unha iniciativa que complementará a declaración como ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia das técnicas construtivas da carpintería de ribeira”, destacou a representante do Executivo galego, en referencia ao decreto aprobado en maio deste ano. Unha norma, dixo, que vén a materializar “o compromiso social e profundo de Galicia por defender todas as manifestacións da cultura vencelladas ao mar, aos ríos e aos valores naturais da comunidade”.

Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, destacou o importante patrimonio marítimo e cultural que ofrece A Guarda e toda Galicia e agradeceu a Culturmar a súa defensa e salvagarda a través do estudo e difusión na sociedade con eventos como o inaugurado hoxe. Neste sentido, cómpre destacar que a Consellería de Cultura e Turismo realiza unha achega de 12.000 euros para a celebración deste encontro.

O XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

Este encontro celébrase cada dous anos de xeito itinerante por Galicia e trátase dunha das manifestacións máis importantes da cultura marítima que se celebran na Península Ibérica. De feito, ten carácter internacional pois conta con representación doutras comunidades como Cataluña ou o País Vasco e de países como Francia, Escocia, Irlanda, Inglaterra, Croacia ou Portugal. A concentración de embarcacións tradicionais compleméntase ademais con actividades culturais e de ocio como exposicións, obradoiros, mostras artísticas e de artesanía, gastronomía e actuacións musicais, entre outras.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 11/07/2019