Anxo M. Lorenzo destaca o papel do Festival de Ortigueira a prol da posta en valor da música folk galega no mundo

O director xeral de Políticas culturais participou hoxe na presentación da cuadraxésima primeira edición do Festival Internacional do Mundo Celta, que se desenvolve desde hoxe ata o domingo na localidade coruñesa

Baixo o lema ‘Oito nacións, unha cultura’, a programación deste ano inclúe a actuación de bandas consagradas a nivel internacional e de grupos noveis

A Xunta de Galicia colabora coa celebración deste encontro, declarado de Interese Turístico Internacional, cuxa entrada é gratuíta

Ortigueira (A Coruña), 11 de xullo de 2019

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da cuadraxésima primeira edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se desenvolve desde hoxe ata o domingo na localidade coruñesa baixo o lema Oito nacións, unha cultura. O director xeral da Xunta de Galicia salientou que se trata dunha cita de gran relevancia que xoga un papel determinante “na posta en valor da música folk da nosa terra en todo o mundo”.

No acto, no que tamén participou o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, Anxo M. Lorenzo expresou o apoio da Xunta de Galicia ao encontro que cualificou de “festival de festivais” e do que reivindicou a súa importancia “dentro da oferta cultural galega máis nosa”, dixo¬. Así mesmo, lembrou que se trata dunha celebración, cuxa entrada é gratuíta, que está declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Catro días e tres noites

O programa do XLI Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira propón catro días e tres noites de música cun total de 15 concertos gratuítos, desfiles de bandas, unha feira de artesanía, varios obradoiros de danza, concursos para artistas emerxentes, dúas exposición de fotografías e de carteis históricos do evento, así como a habitual zona de acampada no piñeiral da praia de Morouzos.

Un dos principais reclamos da edición deste ano é a actuación de Gwendal, que protagonizará a velada inaugural xunto cos andaluces Stolen Notes e os gañadores do concurso Runas de 2019: Túa, Dequenvessendo e Yuki Kojima Band. A xornada do venres contará co espectáculo das bandas escocesas Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band e Project Smok e cos concertos do irlandés Moving Hearts e do galego Anxo Lorenzo Band. A programación do Escenario Galicia para esta xornada complétase co habitual concerto da Escola de Gaitas de Ortigueira.

A noite do sábado será a quenda para Bagad Kerlenn Pondi, Dominic Graham School of Irish Dance, Shooglenifty e Flook. Os polacos Beltaine serán os encargados de ofrecer o último concerto da xornada. O domingo, último día do festival, celebrarase a Noite de Galicia coas actuacións de A.C.F. O Fiadeiro, Tanxugueiras, Leilía e Andrés Penabad Band.

Data de actualización: 11/07/2019