A Xunta adxudica o uso dos locais de Benito Corbal a 28 asociacións de Pontevedra e bisbarra

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución cos beneficiarios, que terán 10 días desde o día seguinte á recepción da comunicación para aceptar ou renunciar ao local

Pontevedra, 12 de xullo de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se adxudica a un total de 28 asociacións de Pontevedra e bisbarra o uso dos locais das plantas terceira e cuarta do edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal. Os beneficiarios recibirán unha comunicación e, a partir de aí, terán un prazo de dez días (contados a partir do día seguinte de recibir a notificación) para aceptar ou renunciar ao local.

As entidades beneficiarias son: a Asociación para a loita contra enfermidades do ril (ALCER); Rede Madre; Fundación Meniños; Asociación española contra o cáncer, Xunta provincial de Pontevedra (AACC); Fundación Amigos de Galicia; Cruz Vermella Española; Acción solidaria de Galicia; Asociación amigos e amigas do Camiño Portugués de Santiago (AACPS); Asociación montañeiros A Roelo (Aromon); Asociación sociosanitaria de enfermidades inflamatorias intestinais e ostomizados (ASSEII); Os de algures; Sete Espadelas; Asociación de diagnosticadas de cáncer de mama (Adicam); Asociación de persoas xordas de Pontevedra (APXP); Amigos de Pontevedra; Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares (ASEM Galicia); Agrupación folklórica Celme; Peña da boina; Sociedade deportiva Teucro Pontevedra; Xoga, Asociación provincial amas de casa e consumidores Rías Baixas; Confraría Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina; Asociación cultural Trepia; Ateneo Pontevedra; Asociación Jóvenes Empresarios Pontevedra (AJE PO); Asociación Oficina de voluntariado; Club Waterpolo PO; e Asociación de párkinson da provincia de Pontevedra.

A autorización de uso será por 4 anos improrrogables. O resto de asociacións que non resultaron beneficiarias formarán parte dunha lista de espera, que poderá ser empregada en caso de que algunha das entidades autorizadas renuncie ao local.

O próximo luns será o acto de entrega de chaves ás asociacións, onde se lles explicará tamén os prazos para acceder aos locais así como outros temas relacionados co regulamento.

A superficie total que abranguen os dous andares dedicados ás asociacións está dividida en locais de dous tipos: 22 locais tipo A, 20-27 metros cadrados aproximadamente de superficie; e 4 locais tipo B, con 40 metros cadrados aproximadamente de superficie. Dous dos locais serán compartidos entre dúas asociacións cada un: a asociación A Roelo e ASSEI, por unha banda; e a asociación Os de algures e Sete Espadelas, por outra.

A resolución resolveuse en réxime de concorrencia competitiva, seguindo os criterios establecidos na orde do 16 de xaneiro de 2019. Os beneficiarios cumpren os seguintes requisitos: son asociacións e entidades sen ánimo de lucro que teñen domicilio no concello de Pontevedra, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra ou que acreditan realizar a meirande parte da súa actividade no municipio de Pontevedra, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra. Son entidades sen ánimo de lucro, con fins de interese social, cultural, deportivo, sanitario ou similares, legalmente constituídas e inscritas no rexistro público correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia e ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.