Román Rodríguez destaca que o 88% dos empresarios turísticos esperan incrementar ou manter as súas vendas este verán

O conselleiro de Cultura e Turismo asinou 11 convenios cos representantes dos xeodestinos para realizar actividades de promoción en máis dun cento de concellos

Estes acordos supoñen un investimento de máis de medio millón de euros para difundir o potencial turístico de cada un destes espazos

Subliñou o incremento do 10% no turismo rural no que vai de ano e amosou a vontade do Goberno autonómico de seguir colaborando no seu impulso
 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro con representantes de diferentes xeodestinos galegos cos que asinou 11 convenios de colaboración para a realización de actividades de promoción e difusión turística. Neste senso, o titular de Cultura e Turismo subliñou o comportamento “sobresaínte” do turismo en Galicia, que encara o verán como un dos destinos mellor situados de España e como a comunidade autónoma que obtivo un mellor crecemento na tempada media-baixa.

Estes bos datos súmanse a que o 88% dos empresarios turísticos esperan aumentar ou manter as súas vendas este verán e que o índice de confianza empresarial se sitúe no 32%, triplicando a media española, o que amosa “as boas sensacións xeneralizadas no sector”.

Durante a sinatura dos convenios de colaboración, que suporán o investimento de máis de medio millón de euros en máis dun cento de municipios das catro provincias galegas, Román Rodríguez puxo de manifesto o compromiso da Xunta de seguir colaborando na posta en valor dun turismo “tranquilo, responsable e competitivo”. Nesta liña, o conselleiro lembrou a importancia do turismo rural, que no que vai de ano medrou un 10% con respecto ás cifras de 2018 sendo a modalidade turística que experimentou un maior crecemento.

Román Rodríguez destacou que a figura dos xeodestinos é “clave” na promoción dun modelo turístico baseado na especialización e a mellora da competitividade da oferta, na diversificación de fluxos turísticos ou na desestacionalización da demanda, “facendo de Galicia un destino atractivo os doce meses do ano”. “Os xeodestinos contribúen á que a nosa Comunidade sempre teña algo que ofrecer ao viaxeiro”, apuntou.

Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo resaltou a importancia de seguir avanzando no obxectivo de facer de Galicia un destino “de calidade e excelencia”, especialmente de cara ao próximo Xacobeo 21. De feito, Román Rodríguez apuntou que o próximo Ano Santo debe ser unha cita “que se deixe sentir en toda Galicia”, implicando “a todos os estratos da sociedade”, e que debe exercer como “motor de cambio” de toda a Comunidade, “tamén no eido turístico”.

Once xeodestinos

Durante o acto de sinatura estiveron presentes representantes dos xeodestinos Ancares-Courel, As Mariñas, Condado-Paradanta, Celanova-Baixa Limia, Deza-Tabeirós, Manzaneda-Trevinca, O Ribeiro, Ría de Muros-Noia, Ría de Vigo e Baixo Miño, Terras de Santiago e Verín-Viana. Tamén asistiron a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/07/2019