A Xunta centra a súa actividade no exterior en diversificar mercados, promover o turismo e reforzar o seu papel na UE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu no Parlamento para dar conta das viaxes oficiais dos altos cargos da Administración galega ao exterior

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo indicou hoxe que a actividade dos membros do Goberno galego nas súas viaxes ao exterior durante o primeiro semestre de 2019 centrouse en contactos económicos, institucionais e culturais que permitiran diversificar mercados, promover o turismo e reforzar o papel de Galicia na Unión Europea.

Así o sinalou hoxe, durante a súa comparecencia na Cámara galega para informar en cumprimento do código ético institucional das viaxes ao exterior dos altos cargos da Administración galega.

Neste período, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desprazouse entre o 4 e o 10 de febreiro a Miami e Nova York, acompañado polos conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. Alí mantivo encontros de natureza económica, institucional e cultural e buscou abrir novas vías de colaboración en sectores como o turismo, o naval ou o contract (acompañounos unha delegación de empresas galegas deste sector). A elección de Florida como primeiro destino enmárcase nunha das previsións da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX), que aconsella concentrar esforzos neste estado norteamericano.

Entre outras actividades, o presidente mantivo en Miami reunións co alcalde do condado de Miami Dade, co alcalde de Miami, con responsables do grupo Ritz-Carlton, cos responsables do Porto de Miami, ou con representantes de Marriot. En Nova York inaugurou a exposición “Os adeuses” no Museo da Inmigración da Illa de Ellis e asinou un convenio de colaboración para a organización dun simposio sobre o Camiño de Santiago que se celebrará en 2020.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, viaxou durante o primeiro semestre a Lisboa e a Guinea Bissau e Senegal. A visita a Lisboa tivo lugar o pasado 13 de marzo e contou coa participación do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. Reuníronse co ministro adxunto e de Economía de Portugal, Pedro Siza Vieira, e coa secretaria de Estado de Turismo, Ana Mendes Godinho. As reunións serviron para abordar colaboracións posibles en materia de turismo e Xacobeo, como pode ser a coordinación da sinalización dos itinerarios xacobeos. Cómpre recordar que o Camiño Portugués é o segundo itinerario máis percorrido. Ademais, trataron asuntos como a loita contra o declive demográfico ou a mellora de infraestruturas, nas que citaron a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto ou o Corredor Atlántico do Noroeste.

A visita a Guinea Bissau e Senegal desenvolveuse entre o 21 e o 24 de xuño para coñecer de primeira man proxectos levados a cabo pola Cooperación Galega. O vicepresidente estivo acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. A Xunta leva investidos preto de 1,5 millóns de euros en distintos proxectos de cooperación en Guinea-Bissau, un dos países máis pobres do mundo e considerado prioritario no IV Plan de Cooperación Galega (2018-2021). O vicepresidente e o director xeral achegáronse durante os días que durou a visita a dous centros de atención a enfermos de VIH, e a dúas escolas primarias comunitarias situadas na zona norte. Xa en Senegal, visitaron unha horta comunitaria e unha instalación piscícola. Todos estes proxectos foron construídos grazas ao financiamento da Cooperación Galega e en colaboración con distintas ONGDs e asociacións locais.

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade desprazouse o 8 de abril a Bruxelas para reunirse con responsables comunitarios de alto nivel e tratar asuntos como o Corredor Atlántico e o saneamento das rías galegas. Froito das reunións, conseguiuse o compromiso da Comisión Europea de convidar á Xunta aos grupos de traballo de impulso ao Corredor Atlántico, compromiso que se materializou co invitación a participar no XIII Fórum do Corredor Atlántico, que tivo lugar o 18 de xuño e ao que asistiu o director xeral de Mobilidade.

O Conselleiro de Cultura e Turismo estivo en Escocia entre o 31 de xaneiro e o 3 de febreiro para acompañar aos grupos galegos que participaron no festival Celtic Connections, onde Galicia foi convidada de honra. Entre o 5 o 7 de marzo desprazouse a Berlín, á Feira Internacional de Turismo ITB (Internationale Tourismus Börse); e entre o 1 e o 3 de abril estivo en Bruxelas para inaugurar a exposición dos Camiños de Santiago no Parlamento Europeo. Posteriormente, do 10 a 12 de xuño viaxou a Roma, onde mantivo diversas xuntanzas para impulsar a proxección internacional do Xacobeo 21. Neste sentido, pechou un acordo para a cesión de dúas pezas da Biblioteca Vaticana que formarán parte dunha exposición en Galicia.

Pola súa banda, a conselleira do Mar desprazouse a Bruxelas entre o 20 e o 22 de febreiro e do 6 ao 8 de maio para manter xuntanzas de traballo con distintos cargos da DG MARE no primeiro caso; e para participar na Feira anual Seafood Bruxelas na segunda visita.

Antes de finalizar a comparecencia, o director xeral detallou tamén as viaxes realizadas por directores xerais e asimilados, que se centraron principalmente na relación coas colectividades galegas e o seguimento dos programas e emigración; na representación en distintos foros de Unión Europea, nomeadamente no Comité Europeo das Rexións; en visitas de cooperación; ou na participación en feiras sectoriais ou internacionais de carácter tecnolóxico para poñer en valor a innovación galega. Ademais, tamén se realizaron visitas para promover a cultura galega, como durante a participación do film galego O que arde no festival de Cannes, ou coa participación no Congreso de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Niteroi, en Brasil.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/07/2019