'Os Bolechas, somos unha gran familia' fai parada en Tui, Mondariz-Balneario e Triacastela

Os irmáns animados máis famosos de Galicia están de xira no FalaRedes cunha nova proposta dirixida a nenos de 3 a 9 anos na que combinan teatro e xogo

A entrada ás funcións é, coma sempre, libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019

O ‘Falaredes’, o programa de dinamización que a Consellería de Cultura e Turismo impulsa a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chega esta fin de semana a tres concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL): Tui, Mondariz-Balneario e Triacastela. Os protagonistas nestas citas serán Os Bolechas e a súa última proposta 'Somos unha gran familia'. As dúas primeiras funcións terán lugar este sábado en Tui (na Sala Félix Rodríguez, ás 12:00 horas) e en Mondariz-Balneario (na Sala da Cultura da Casa do Concello, ás 19:00 horas). Ao día seguinte, domingo, Os Bolechas estarán en Triacastela (na Sala Fonte do Lunar, ás 19:00 horas).

'Somos unha gran familia' é unha actividade participativa protagonizada polos Bolechas e que vai dirixida a nenos de 3 a 9 anos e ás súas familias. A través do teatro e do xogo, os rapaces e rapazas coñecen o léxico referido ás relacións de parentesco e descubren a importancia da familia. A proposta ten un compoñente didáctico no que se bota man do tema principal, a familia, para desenvolver diversas cuestións, unhas máis teóricas, como coñecer os parentescos, e outras máis prácticas, relacionadas con xogos populares e de habilidade. De xeito transversal, como é habitual, tocaranse temas como o traballo en equipo, a colaboración, fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas.

Lingua e transmisión familiar

Os irmáns Bolechas, referentes galegofalantes para a cativada de Galicia, percorrerán da man do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' 21 concellos galegos. Ata o domingo 28 de xullo a actividade aínda se poderá ver nos municipios de Rois, Pontecesures, Ramirás, Mos, Barreiros, Nogueira de Ramuín e Oímbra, todos eles adscritos á RDL. A dinamización lingüística prolongarase tras a fin do espectáculo mediante un web interactivo onde o público poderá acceder a xogos e unidades didácticas, así como a un sorteo de libros dos Bolechas. Como é habitual no programa que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados.

Toda a información e calendario de funcións no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/07/2019