A Xunta adxudica o contrato para a obra de execución da Fase 1 do Complexo Hospitalario de Ferrol por un importe de 49,3 millóns

Estímase que as obras comecen ao final do verán

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019

A Xunta de Galicia vén de adxudicar, por un importe de 49.344.595 euros, á UTE Acciona Construcción S.A., Constructora San José S.A., e PRACE, Servizos e Obras, o contrato das obras da fase 1 do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O contrato asinarase na primeira quincena de agosto, e estímase que as obras comezarán ao final do verán. No total do Plan, investiranse 130 millóns de euros. As obras previstas nesta primeira fase teñen un prazo de execución de 36 meses.

Na fase 1, deuse prioridade para a súa execución á hospitalización e camas, urxencias, cardioloxía, neurociencias, nefroloxía e diálise, pediatría Unidades de Coidados Intensivos (UCI) de pediatría e adultos, Radioloxía, Farmacia e Cociña.

Con esta obra, producirase un incremento do 27% na superficie total, e porase a disposición dos traballadores máis de 109.000 metros cadrados. Ademais, aumentará o espazo destinado ás Urxencias; as camas incrementaranse nun 25%; e as consultas externas, nun 27%.

O Plan Director amplía a carteira de servizos e evita o desprazamento dos pacientes a outras áreas sanitarias. Permite mellorar a atención integral, a prevención, a asistencia e rehabilitación, coa incorporación de servizos como Cirurxía Vascular, a Rehabilitación Cardíaca e Pulmonar; e a Radioloxía vascular Intervencionista. Sinalar que o proxecto atende ás demandas cidadás e é froito dun traballo previo de consenso cos profesionais da saúde, os que agradeceu a súa implicación e traballo.

O Plan director do novo Complexo integra os tres hospitais públicos, Arquitecto Marcide, Naval e Novoa Santos, e potencia a súa especialización e capacidade de resolución, de xeito que o Arquitecto Marcide terá un perfil Médico-Cirúrxico, cunha Área de Críticos (UCI), Materno-Infantil e Urxencias. Pola súa banda, o Hospital Naval integra a Cirurxía sen ingreso (CMA), a atención á Cronicidade, a Psiquiatría e a Rehabilitación; e o Hospital Novoa Santos dedicarase á Docencia e á Investigación.

Actuacións en tres fases

O Plan Director estrutúrase en tres fases. As áreas funcionais asistenciais prioritarias definidas no Plan Director, e ás que por tanto se deu prioridade para a súa execución, inclúense nesta Fase I, que implica a construción de dous novos edificios, un asistencial e outro de apoio. Esta fase contempla actuacións de mellora fundamentalmente en varios servizos hospitalarios: Plantas de Hospitalización, Urxencias, UCI pediátrica e de adultos, Neurociencias, Cardioloxía, Diálise, Radioloxía, Farmacia e Cociña.

A remodelación da ala sur será o eixe central da Fase 2. Abranguerá, entre outras cuestións, a renovación das plantas de Hospitalización; do Bloque cirúrxico dos hospitais Arquitecto Marcide e Naval, a Reanimación; a Esterilización, os Servizos de apoio; o Hospital de Día Oncohematolóxico; e o novo laboratorio Microbioloxía.

A Fase 3 permitirá remodelar o centro de especialidades, mellorando os espazos destinados á atención aos pacientes: Consultas, Gabinetes de Exploración; Atención ao paciente; e Traballo social. Tamén incluirá, unha vez rematadas todas as obras anteriores, a reorganización do Hospital Naval.

Accións previas

Nunha fase previa, fase 0, xa en execución, construíuse o novo Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Hospital Naval, xa en marcha. As novas instalacións case triplican o espazo do anterior, aumenta a capacidade de procesado, e redúcense os tempos nos resultados.

Tamén no Hospital Naval, estase a facer a cociña e a lavandaría, e acábase de licitar mariñeiría para trasladar servizos de apoio.
 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 12/07/2019