A Xunta apela á colaboración dos concellos para que os 50 millóns de euros das políticas de vivendas cheguen aos galegos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo un encontro con representantes das administración locais da provincia de Coruña para abordar as diferentes liñas e programas da Xunta en materia de vivenda

Recorda que se teñen habilitado tres programas específicos para os concellos, que buscan fomentar a rehabilitación e promover o acceso á vivenda aos veciños, que suman case 8,5 millóns de euros

Destaca as axudas do fondo de cooperación aos concellos de menos de 50.000 habitantes, que lles permite executar actuacións subsidiarias nos casos nos que os propietarios desatendan as súas obrigas

Ángeles Vázquez lembra que Galicia é pioneira en materia de rehabilitación, ao ser a primeira rexión en contar cunha normativa específica, porque non hai maior desprotección que o abandono do patrimonio arquitectónico e edificatorio

A Coruña, 15 de xullo de 2019-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, solicitou esta mañá aos concellos galegos a súa colaboración para que o orzamento reservado ás políticas de vivenda, máis de 50 millóns de euros en 2019, cheguen a todos os galegos. Así o puxo de manifesto esta mañá durante un encontro cos representantes dos concellos da provincia da Coruña para abordar as diferentes liñas e programas que o Instituto Galego da Vivenda e Solo ten deseñado para facilitar a rehabilitación e o acceso á vivenda.

Explicou que o Goberno galego fai un esforzo inversor, que se traduce en 52,96 millóns de euros, dos cales 26,41 se destinan a medidas e programas orientadas á rehabilitación; mentres que a parte restante (26,55 millóns de euros) se reservan para iniciativas que teñen como obxectivo garantir o acceso á vivenda, onde destacou as axudas dirixidas aos máis mozos e ás mulleres vítimas da violencia de xénero ou de explotación sexual.

Sinalou que aínda está aberto o prazo para a solicitar unha axuda ao abeiro da primeira orde para a adquisición de vivendas en centros históricos dirixida especificamente ao colectivo de menores de 35 anos, e que está dotada de 800.000 euros; un grupo social que tamén se pode beneficiar das axudas para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes ou das axudas ao alugueiro, aos que se lles abona un 50% da renda durante un período máximo de tres anos. Indicou que a previsión do IGVS é convocar esta liña de incentivos (axudas ao alugueiro) antes de que remate o verán.

Ángeles Vázquez salientou a importancia de estar ao carón das persoas que sofren situacións de especial risco; polo que trasladou a necesidade de que os servizos sociais municipais coñezan os programas específicos para apoiar a estas persoas a iniciar un novo futuro. Lembrou que este ano por primeira vez se convocou unha liña de axudas específica para as mulleres vítimas da violencia de xénero, aos seus fillos, e a vítimas de explotación sexual, dotada con 1,6 millóns de euros. Deste xeito, cada solicitante contará con ata 225 euros ao mes para acceder á vivenda, así como a unha única axuda de 600 euros para facer fronte a gastos de contrato.

Tres programas específicos para os concellos

A conselleira de Medio Ambiente indicou que tamén se deseñaron tres programas dirixidos específicamente aos concellos, “que en moitas ocasións teñen proxectos e iniciativas que se quedan en ideas por falta orzamento. Salientou que os tres programas de subvencións implican poñer a disposición das administracións locais preto de 8,5 millóns de euros, para que poidan levar a cabo actuacións de rehabilitación que lles permita facilitar o acceso a unha vivenda aos seus veciños.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) deseñou varios programas específicos cos que impulsar a rehabilitación por parte dos concellos (programa de vivendas de mestres e de infravivenda); así como o programa de axudas do fondo de cooperación, que se poden solicitar ata o vindeiro 1 de outubro e que teñen por obxectivo financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Explicou que a este programa concreto se destinarán 6,4 millóns de euros para apoiar a través de préstamos sen xuros as actuacións, así como facilitar aos concellos a realización de actuacións subsidiarias naqueles casos nos que os propietarios das vivendas se desatendan das súas obrigas. Invitou aos concellos galegos a seguir o exemplo de varios concellos da provincia (Boiro e Ribeira), que xa se acolleron á este programa nas convocatorias anteriores.

Galicia conta coa primeira normativa en materia de rehabilitación

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Comunidade galega é pioneira en materia de rehabilitación, xa que é a primeira rexión en dispoñer dunha normativa específica en materia de rehabilitación. Indicou que se trata dun exemplo máis da aposta do Goberno galego pola recuperación do patrimonio xa construído.

A Lei de Rehabilitación de Galicia, que entrou en vigor en maio, ten como principio básico que “non hai maior desprotección que o seu abandono”, polo que é imprescindible habilitar un escenario propicio para a rehabilitación edificatoria e a rexeneración urbana, que contribuirá a dar vida aos cascos históricos e aos concellos galegos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/07/2019