A Xunta sinala que o Estado prexudica a Galicia co reparto dos fondos das políticas activas de emprego pese á efectividade das súas medidas

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Madrid na LXXV Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Sociais na que se avaliou o reparto establecido polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social

Galicia recibirá o menor incremento -un 5,5% máis que en 2018 ata chegar aos 179,5M€- pese a ser a Comunidade na que máis baixou o paro no último ano e aumentar o seu peso nos obxectivos fixados no reparto destes fondos

Toca advirte de que o sistema de reparto castiga a Galicia ao non terse en conta o grao de execución das súas medidas e investimentos necesarios para a modernización do Servizo Público de Emprego, loitar contra o envellecemento e incrementar a taxa de emprego das persoas con capacidades diferentes

A Administración autonómica seguirá impulsando actuacións que están a dar bos resultados como son as Unidades Formativas en Empresas, os obradoiros duais, os programas destinados a incentivar a contratación e formación, como é o Galicia Emprega, e as iniciativas para apoiar ás persoas con capacidades diferentes

Madrid, 18 de xullo de 2019

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, amosou hoxe en Madrid a súa desconformidade co sistema de reparto dos fondos das políticas activa de emprego establecido polo Estado, xa que non ten en conta nin a efectividade das iniciativas en materia laboral nin o seu grao de execución. Na LXXV Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Sociais, Toca indicou que o Estado está a castigar a Galicia pese a que é a Comunidade na que máis baixou o paro no último ano (-8,7%), superando á medida nacional en catro puntos, e pese a aumentar o peso nos obxectivos fixados para o reparto destes fondos, que sobe do 8 ao 8,55.

En total, Galicia contará con 179,5 millóns de euros, o que supón un 5,5% máis que en 2018. Trátase dun crecemento inferior ao rexistrado en 2018, que se situou nun 8,7%, ou en 2017, cando os fondos aumentaron un 14%.

A secretaria xeral de Emprego explicou que Galicia, a pesar das súas boas prácticas en materia laboral, recibirá o menor incremento nos fondos que recibe do Estado, xa que agora se priman, entre outros criterios, o número de oficinas de emprego ou o número de asalariados en centros especiais de emprego. Segundo apuntou Toca, son aspectos importantes para garantir o financiamento destas estruturas, pero deberían fixarse atendendo tamén á efectividade e grao de cumprimento destas políticas de emprego.

Afirmou, así mesmo, que co reparto actual dos fondos non se atenden outro tipo de investimentos necesarios como son a modernización e dixitalización do Servizo Público de Emprego, un aspecto no que Galicia está desenvolvendo un ambicioso plan que inclúe a posta en marcha de novos servizos dixitais, o cambio e a mellora das oficinas de emprego, a implementación de sistemas de xestión de calidade e unha mellora continua.

Tampouco se teñen en conta criterios como o incremento da taxa de emprego das persoas con capacidades diferentes. A Comunidade galega, ao respecto, aumentou un 47,6% o número de persoas ocupadas deste colectivo nos dous últimos anos. Toca, por último, referiuse aos investimentos necesarios para loitar contra o envellecemento da poboación e as súas consecuencias no emprego, lembrando que a Comunidade galega é a segunda con maior índice de envellecemento despois de Asturias.

Toca asegurou que, en todo caso, Galicia seguirá impulsando medidas que están a dar bos resultados e que apostan por unha formación flexible, á carta e dual, xa que un dos obxectivos prioritarios da Xunta é traballar para que a Comunidade poida contar coa mellor xeración de traballadores e traballadoras cualificados. O reto é apostar por unha Galicia máis preparada que favoreza o emprego de calidade.

Así, seguiranse impulsando programas como as Unidades Formativas en Empresas, os obradoiros duais de emprego, os programas destinados a incentivar a formación, como é o Galicia Emprega, e as iniciativas para apoiar ás persoas con capacidades diferentes. Neste último ámbito, Toca destacou que o Estado acordou hoxe aumentar do 50 ao 55% o financiamento do custo salarial das persoas con discapacidade severa que traballan nos centros especiais de emprego, nun aspecto no que Galicia é pioneira, xa que leva máis de dous anos aplicando un 60%, superando, polo tanto, á media nacional.

Data de actualización: 18/07/2019