José González participou na inauguración das novas instalacións da Sociedade Agraria de Transformación A Campa, en Curtis
Os gandeiros de leite galegos levan facturado 368 millóns de euros no que vai de ano

Isto supón un incremento do 2,3% respecto ao mesmo período do ano 2018

O conselleiro trasladou que é “incuestionable” que este eido produtivo é un dos motores do rural galego e, por tanto, da economía da comunidade
 

Curtis (A Coruña), 18 de xullo de 2019

Os ingresos dos gandeiros de leite galegos seguen medrando. En concreto, nos primeiros cinco meses do ano (maio é o último mes do que se teñen datos oficiais) os titulares de explotacións lácteas facturaron 368 millóns de euros, o que supón un 2,3% máis que no mesmo período de 2018.

Así o avanzou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a inauguración das novas instalacións da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) A Campa, situada no concello coruñés de Curtis. Alí, José González sinalou tamén que Galicia segue a ser líder en España no sector lácteo español con preto do 40% da produción.

Neste senso, o titular de Medio Rural resaltou que a facturación dos gandeiros galegos tamén representa o 37% da mesma a nivel nacional, unha boa cifra que amosa estabilidade no sector neste momento.

Deste xeito, o conselleiro sinalou como “incuestionable” que o sector lácteo é un dos principais motores do rural galego e, polo tanto, da economía da nosa autonomía. Neste sentido, o titular de Medio Rural ofreceu o apoio da Xunta para que siga sendo así. De feito, José González mostrouse convencido de que “no rural se pode vivir e se pode vivir ben”. Ao tempo, trasladou tamén a importancia de apostar pola transformación e pola calidade como xeito de revalorizar os nosos produtos, como fai a SAT obxecto da visita. Por iso, sinalou, é importante darlle valor ao noso leite, como produto exquisito.

E precisamente pola importancia do sector para Galicia, a Xunta fai un esforzo inxente para apoialo ano tras ano. Así, neste 2019 a Consellería do Medio Rural destina 42 millóns de euros nas axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (coñecidos como plans de mellora), para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

A maiores, cómpre resaltar que está en marcha a Estratexia de dinamización do sector lácteo, contando con todos e cada un dos axentes implicados, que ten por obxectivo facer fronte a retos como a súa profesionalización, a rendibilidade das explotacións, a mellora da súa base territorial ou a reforma da Política Agrícola Comunitaria. De feito, o grupo de traballo está mantendo reunións de maneira periódica co fin de analizar a situación do sector. En concreto, a día de hoxe estase avaliando o remuda xeracional nas explotacións, a reorientación da produción e xeración de valor na cadea e a promoción dos produtos lácteos.

SAT A Campa

A SAT A Campa é unha empresa familiar orientada á produción de leite, que conta cunhas 80 hectáreas de cultivos forraxeiros. A súa produción é duns 1,7 millóns de litros cun censo de 324 animais. Ademais, os seus socios xestionan tamén a granxa El Pilar con 300 cabezas de gando e a queixería SAT Queinaga.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/07/2019