Santiago de Compostela é a cidade elixida para a celebración do duodécimo pleno do Consello de Comunidades Galegas, que se convertirá na capital da Galicia exterior en decembro

A anterior convocatoria tivo lugar en La Habana en maio de 2016

O evento reunirá os representantes das máis dun cento de entidades galegas que hai espalladas polo mundo durante os días 3 e 4

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou sentirse “orgulloso de que a capital galega exerza de anfitrioa de todos os galegos do mundo” nun ano tan importante para toda a emigración
 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019

Santiago de Compostela converterase o vindeiro mes de decembro na capital da Galicia exterior grazas á celebración do pleno do Consello de Comunidades Galegas. A cidade acollerá durante os días 3 e 4 do citado mes a reunión que cada tres anos congrega os representantes das máis dun cento de entidades galegas que existen espalladas polo mundo. Así o anuncia hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), que fai pública a súa convocatoria e revela así a localidade elixida para esta cita, que se celebra cada tres anos desde hai máis de tres décadas.

A anterior convocatoria tivo lugar en La Habana en maio de 2016, e a previa, celebrada no ano 2012, tivo novamente a capital galega como sede oficial das reunións de traballo. Outros destinos que serviron de escenario para a xuntanza dos representantes da Galicia exterior foron Bos Aires, Montevideo, Ourense e Lugo.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, amosouse “orgulloso de que a capital galega exerza de anfitrioa de todos os galegos do mundo nun ano tan especial como o actual, no que o pobo galego quixo render unha sentida e sincera homenaxe a toda a emigración a través da concesión da Medalla do Parlamento”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/07/2019