O vindeiro luns a Xunta presenta en Santiago o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nos cascos históricos

O conselleiro de Cultura, o alcalde de Santiago e a directora da Amtega inauguran unha xornada na que se abordarán as dificultades para despregar as redes ultrarrápidas nestas zonas

Participarán representantes da Administración autonómica, do Concello compostelán, do COAG, da organización internacional ICOMOS e dos operadores

O documento, elaborado pola Amtega, Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio ofrece alternativas como o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento
 

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2019

O vindeiro luns 22 de xullo a partir das 10.30 o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acollerá a Xornada “A conectividade nos cascos históricos”, na que se presentará o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nestas zonas.

O encontro será inaugurado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

Primeiro catálogo a nivel europeo

O documento, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o operador público Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio é o punto de partida para darlle resposta á falta dun procedemento estandarizado para o despregamento de fibra óptica en cascos históricos. É unha problemática que existe en toda a Unión Europa e é cada vez máis limitante para a dinamización tanto comercial como de habitabilidade destas zonas

Para a elaboración desta Guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar, integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica, elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos. Entres as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento.

A visión dos axentes implicados

Ademais da presentación do catálogo, na xornada afondarase na dificultades e posibles solucións para o despregamento das infraestruturas de telecomunicación nos cascos históricos contando coa visión de todos os axentes implicados.

Baixo o título “O estado actual dos servizos de telecomunicacións” nos cascos históricos”, desenvolveranse dúas mesas de debate, a primeira ofrecerá a “Visión de Patrimonio e posibles solucións coa intervención de representantes da organización non gobernamental, asociada a Unesco, ICOMOS, do Consorcio de Santiago, do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio

A segunda mesa centrarse na “Visión dos operadores e do estado actual” coa participación do director-xerente do operador público Retegal e representantes de Movistar, Vodafone, Orange e R. Finalmente, pecharse o encontro expoñendo as principais conclusións da Xornada.

A xornada está dirixida aos profesionais, tanto do ámbito dos despregamentos, como operadores, fabricantes de equipos, instaladores, como a empresarios e profesionais das concellos das áreas de Urbanismo e Patrimonio. Os interesados en participar deben inscribirse a través da conta de correo electrónico cascoshistoricos@retegal.gal.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/07/2019