A Xunta licita por 3 millóns de euros as obras que transformarán o cruce dos Concheiros nunha gran praza, compatibilizando o tránsito prioritario dos peregrinos co tráfico fluído e seguro

As empresas teñen ata o 19 de agosto para presentar as súas ofertas a este proxecto, cuxa execución se prevé iniciar a finais de ano e teñen un prazo de 12 meses

A intervención busca o calmado do tráfico reordenando as vías e accesos que conflúen no nó de Concheiros e facilitando a conexión co barrio de Fontiñas

Desprazaranse os xiros que hoxe se realizan nese cruce cara á dúas glorietas, unha á altura do Conservatorio de Música e outra na confluencia da avenida de Lugo coa rúa Londres

A avenida de Lugo manterá os dous carrís de baixada e de subida e cambiarase o pavimento existente para crear no condutor unha sensación visual distinta que o levará a reducir a velocidade

No actual cruce crearase un gran espazo verde e máis humano, facendo máis identificable a traza do Camiño Francés coa axuda, tamén, dunha iluminación específica que guiará os pasos dos peregrinos

A conselleira destaca que con esta actuación están xa en marcha as obras máis emblemáticas planificadas dentro da estratexia de integración e mellora dos Camiños de Santiago á chegada a Compostela, que suporá un investimento total de 12 millóns de euros

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe o inicio para finais deste mesmo ano das obras de integración paisaxística do Camiño Francés no cruce da avenida de Lugo coa rúa Concheiros, coincidindo coa licitación hoxe desta nova actuación á que se destina un investimento de máis de 3 millóns de euros.

Acompañada polo director da Axencia Galega Infraestruturas, Francisco Menéndez, a conselleira deu conta en rolda de prensa de apertura do período para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas, ata o vindeiro día 19 de agosto. Os traballos teñen un prazo de 12 meses de execución.

Incidiu que se se trata dunha actuación integral e ambiciosa, orientada a facer que o Camiño nese punto da cidade sexa máis identificable, devolvéndolle en parte a continuidade que se viu truncada cando se executou a avenida de Lugo a modo de rolda urbana. E, ao tempo, procura a mellor integración paisaxística na trama da cidade, reordenando todos os accesos que conflúen no nó de Concheiros.

As obras, afirmou Ethel Vázquez, transformarán o actual nó nunha gran praza de 6.000 metros cadrados e que compatibilizará o tránsito ordenado e prioritario dos peregrinos cun tráfico rodado fluído e seguro, facilitando, ademais, a conexión de Concheiros co de Fontiñas.

A conselleira explicou que para esta actuación no Camiño Francés, a Xunta ten programada unha reordenación de todas as vías e accesos que conflúen no nó de Concheiros, facilitando movementos máis seguros, tanto para vehículos como para peóns e peregrinos.

Concretou que a actuación inclúe a creación dun gran espazo verde máis humano, que contribuirá a facer do Camiño unha ruta moito máis identificable, pero tamén máis satisfactoria e positiva. E para iso, continuou dicindo, darase continuidade á ringleira de árbores existentes na avenida de Lugo cara arriba, ata o cruce de Concheiros.

De cara a reforzar a seguridade viaria da avenida de Lugo -que manterá os dous carrís de baixada e de subida-, cambiarase o pavimento existente nese punto por un chan de lastras, para crear no condutor unha sensación visual distinta que o levará a reducir a velocidade, fomentando un maior respecto entre condutor e camiñante.

Ethel Vázquez indicou que para ofrecer unha maior continuidade á ruta xacobea no cruce de Concheiros, e facer que a traza do Camiño sexa moito máis identificable para o peregrino, disporase nesa zona de iluminación específica que lle servirá de guía ao camiñante. Se instalará unha tira de luminarias colgantes no nó de Concheiros que guiarán os seus pasos cara á Praza do Obradoiro.

Indicou que a proposta, ademais de acadar un tráfico máis lento coa creación desa nova zona verde e a diferenciación do pavimento no nó de Concheiros, tamén inclúe a execución de dúas novas glorietas que favorecerán o acceso ao barrio de Fontiñas e mellorarán os tráficos urbanos, facéndoo así o tráfico máis fluído.

Executarase unha primeira rotonda no cruce coa rúa Londres, que facilitará a mobilidade cara a equipamentos esenciais desa zona, como pode ser o Centro de Saúde ou o da Cruz Vermella. E outra glorieta máis arriba, no cruce do Conservatorio de Música e a actual estación de autobuses -no futuro o novo edificio administrativo da Cidade de San Caetano-, que fará os tráficos máis seguros, nunha contorna que rexistra gran cantidade de movementos cara estes equipamentos, e tamén de continuación cara a San Caetano ou cara a zona comercial das Cancelas.

Tal e como incidiu a conselleira, estas solucións de integración paisaxística pensadas para a avenida de Lugo na zona de Concheiros tamén servirán para mellorar os tráficos urbanos e suporán unha mellora significativa para todos os veciños de Fontiñas e tamén a contorna. Disporán dun barrio máis familiar e máis verde, máis integrado na cidade e máis unido ao de San Pedro, na liña con eses retos e obxectivos que a Xunta ten fixado para a Galicia da próxima década.

A conselleira salientou que con esta intervención do cruce de Concheiros, xunto coa da baixada do Monte do Gozo ata San Lázaro e cuxas obras se iniciarán en setembro, se están a atender os 2 puntos que calquera peregrino ou veciño de Santiago pode identificar como os máis complicados do Camiño Francés á súa entrada á cidade.

Finalmente puxo en valor o traballo que se está a facer para acelerar a marcha nos traballos nas entradas dos Camiños en Compostela para telas rematada e a punto para o Xacobeo 2021.

A conselleira destaca que con esta actuación están xa en marcha as obras máis emblemáticas planificadas dentro da estratexia de integración e mellora dos Camiños de Santiago á chegada a Compostela, que suporá un investimento total de 12 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/07/2019