'O galego campa!' chega a 22 campamentos para traballar a igualdade e a sensibilización contra a violencia de xénero

O programa impulsado por Política Lingüística e por Xuventude enmarca as propostas da nova edición no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e na campaña 'Nós contra a violencia', co apoio de Igualdade

O obxectivo é promover o uso do galego na mocidade e facilitarlle ao monitorado formación e recursos para dinamizar a lingua

O secretario xeral de Política Lingüística, a secretaria xeral da Igualdade e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentárono hoxe no campamento Virxe de Loreto de Porto do Son

Porto do Son (A Coruña), 22 de xullo de 2019

O galego campa!, o programa da Secretaría Xeral de Políltica Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destinado a favorecer o uso do galego nos campamentos de verán e mais a facilitarlle ao monitorado formación e recursos para o desenvolvemento de dinámicas que animen os rapaces a se expresar nesta lingua, chega a 22 campamentos de verán de titularidade da Xunta de Galicia. Faino de acordo coas liñas de traballo que se establecen no Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade 2019-2022 e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, da man da Secretaría Xeral da Igualdade e no marco da campaña Nós contra a violencia.

Así o deron a coñecer hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, no acto de presentación da oitava edición, no campamento sonense Virxe de Loreto.

O galego campa! suma nesta ocasión ao traballo en lingua e mocidade o dos valores transversais da igualdade entre homes e mulleres, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero, todos eles imprescindibles para os mozos e mozas que teñen nas súas mans o futuro da sociedade galega e a transmisión e pervivencia do noso idioma propio”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística.

Pola súa banda, a secretaria xeral destacou a importancia de iniciativas como esta, que permiten traballar a educación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero entre as xeracións máis novas, onde aínda se detecta a existencia de estereotipos de xénero cos que é preciso rachar.

A directora xeral subliñou a importancoa de achegarlle á mocidade ferramentas e formacións que lles son útiles na súa vida diaria. Así mesmo, apuntou que durante os meses de xullo e agosto, este campamento de Virxe de Loreto acollerá 420 rapazas de rapaces que desfrutarán de diversas actividades de convivencia e deportes acuáticos, como surf ou kaiak.

‘Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor’

Baixo o lema Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor arranca a oitava edición do programa O galego campa!, que este ano combina a dinamización lingüística coa sensibilización fronte á violencia de xénero e que se desenvolve grazas á colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Política Social.

Os obxectivos que persegue son os de introducir reflexión con perspectiva de xénero nos campamentos, axudar a identificar a violencia de xénero e promover a toma de posicións que axuden a minorar comportamentos que poidan derivar en abusos e faltas de respecto. Para logralos, realizarase unha sucesión de pequenas actividades adaptadas ás idades e perfís dos participantes de cada campamento ata achegar os rapaces á exposición da Secretaría Xeral da Igualdade Á violencia de xénero... dille NON!. Estas actividades incluirán a argumentación, o debate, o teatro e o xogo, porque unha participación lúdica pode lograr mellor ca outros tipos de intervención a necesaria implicación dos destinatarios para que a intervención educativa funcione.

Novos materiais para o Repositorio dixital de tempo libre

Como sempre, O galego campa! incluirá novos materiais para o Repositorio dixital de tempo libre en galego, de libre acceso para educadores e para calquera outra persoa interesada. Serán propostas encamiñadas a fomentar o diálogo na lingua propia de Galicia arredor da igualdade entre mulleres e homes, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero.

Chegará, ata o 8 de agosto, aos campamentos Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Mariña Española (Sada, A Coruña), Gandarío (Bergondo, A Coruña), Furelos (Melide, A Coruña), Espiñeira (Boiro, A Coruña), Granxa Zoo Grixalba (Sobrado, A Coruña), Area (Viveiro, Lugo), Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo), A Devesa (Ribadeo, Lugo), Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo), Poboado Os Peares (Carballedo, Lugo), Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense), Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense), Complexo O Corgo (Muíños, Ourense), Albergue A Vilavella (A Mezquita, Ourense), Residencia Xuvenil Florentino Cuevillas (Ourense), As Sinas (Vilanova de Arousa, Pontevedra), Pontemaril (Forcarei, Pontevedra) e Illa de Ons (Bueu, Pontevedra).

Toda a información e calendario de actividades no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade 2019-2022

Os obxectivos xerais de O galego campa! están en consonancia cos recollidos no Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade que se presentou no Parlamento de Galicia recentemente, un plan elaborado pola Xunta de Galicia.

A finalidade última de O galego campa! é promover a galeguización lingüística das actividades educativas de tempo libre en Galicia mediante a realización de intervencións de educación non formal que axuden a desenvolver actitudes positivas cara á lingua galega por parte de mozos e educadores: actividades de dinamización que permitan introducir de modo empático a lingua galega nos campamentos, propostas educativas que favorezan a reflexión e a anovación metodolóxica de programas entre os equipos de profesionais que traballan na campaña de verán e intervencións no tempo libre de calidade co galego como referente.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/07/2019