Valentín García clausura os cursos de verán de galego do ILG-RAG

O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de peche e entrega de diplomas aos 70 alumnos que seguiron a formación durante tres semanas

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao mediodía no acto de clausura dos XXXII Cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras organizados pola Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración coa Xunta de Galicia. Neles, 70 estudantes chegados de universidades de fóra de Galicia seguiron as actividades formativas e complementarias que lles permitiron achegarse de primeira man á lingua e á cultura propias de Galicia durante as últimas tres semanas.

“Concluídes estes cursos xa como verdadeiros embaixadores e embaixadoras da nosa lingua propia no mundo”, destacou o secretario xeral, “o galego e nós somos afortunados por contar, ano a ano, con novos aliados que desde os vosos respectivos lugares de procedencia nos axudades na proxección, investigación e ensino da lingua propia de Galicia”, rematou.

Participaron canda el no acto de clausura Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado da USC; Henrique Monteagudo, secretario da RAG; María Álvarez de la Granja, secretaria do ILG, e Ana Fachal, representante do profesorado dos cursos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/07/2019