A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo hoxe coas mozas e mozos que participan nesta actividade da Campaña de Verán 2019
Política Social realiza actividades de conservación ambiental nas proximidades das Fragas do Eume a través dun campo de voluntariado

Unha vintena de persoas procedentes doutras comunidades autónomas, de Francia e de Rusia limpan as beiras do río Eume e a fraga de Vilarbó, onde tamén fan tarefas de plantación e rega de árbores

As Pontes (A Coruña), 30 de xullo de 2019

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, puxo en valor o labor altruísta que realizan as persoas que integran o campo de voluntariado de Vilarbó, nas inmediacións do Parque Natural das Fragas do Eume, organizado pola Xunta de Galicia dentro da Campaña de Verán deste ano. A directora xeral subliñou que a través desta actividade se contribúe á conservación das fragas, ao tempo que a mocidade toma conciencia do valor ambiental e da riqueza desta contorna natural.

Tamén sinalou a variada procedencia deste grupo de voluntariado, no que rapaces e rapazas galegos conviven desde o pasado día 20 e ata o vindeiro sábado con dúas persoas de Francia, outras dúas de Rusia e once chegadas doutras comunidades autónomas. Todos eles, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, afánanse estas xornadas en aportar o seu gran de area para o mantemento e a recuperación dunha zona da fraga de Vilarbó, así como na divulgación deste privilexiado espazo natural.

O plan de traballo consiste na limpeza e mantemento da zona, plantación e rega de árbores, e limpeza das beiras do río Eume. Así mesmo, levan a cabo traballos de acondicionamento dos aseos, comedor, cociña e bungalows das propias instalacións do campo. No que atinxe ás actividades complementarias, están encamiñadas a que os participantes coñezan a contorna na que se desenvolve a actividade e a cultura galega, ademais de facer excursións, obradoiros de artesanía e de medio ambiente ou prácticas deportivas como paintball, canoa ou trekking, entre outras.

Unha trintena de alternativas

Os campos de voluntariado forman parte da programación da Campaña de Verán 2019, a través da que se ofertan 30 propostas diferentes, cinco delas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

A programación estival da Xunta de Galicia achega á mocidade 10.000 prazas, distribuídas entre campos de voluntariado, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas e actividades para maiores de 18 anos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/07/2019