Un total de 133 beneficiarios das axudas para a creación de superficies forestais poderán plantar coníferas e frondosas en máis de 2.400 hectáreas

Esta liña de achegas da Consellería do Medio Rural supón un investimento de 4,4 millóns de euros

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas concedidas para a creación de superficies forestais da Consellería do Medio Rural. Así, un total de 133 beneficiarios poderán plantar coníferas e frondosas -tales como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras- en máis de 2.400 hectáreas, a través dunha axuda que supera os 4,4 millóns de euros.

Se analizamos as solicitudes aprobadas por provincias, o 45% correspóndese á provincia de Ourense, con 60 beneficiarios que crearán 1.516 hectáreas forestais, seguida pola provincia de Lugo con 45 beneficiarios e 615 hectáreas. En Pontevedra son 23 os beneficiarios con 244 hectáreas e na Coruña con 5 beneficiarios e 28 hectáreas. Doutra banda, se temos en conta os beneficiarios, das 133 solicitudes aprobadas, 115 correspóndense a comunidades de montes veciñais en man común, 13 a particulares e cinco a agrupacións.

O obxecto desta liña de subvencións é fomentar a creación de superficie forestal naqueles terreos que estean identificados no Sistema de Identificación Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac) como forestal, pasto con arboredo ou pasto arbustivo. Así, no que respecta ás actuacións subvencionables, nesta liña de achegas inclúense os gastos de plantación forestal e da área de defensa contra incendios forestais, é dicir o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta. Así mesmo, tamén son susceptibles de subvención as infraestruturas de acompañamento e as obras complementarias.

Estas subvencións, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), van destinadas ás Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), aos propietarios particulares de forma individual e ás asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Tamén están incluídas as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

Convocatoria 2018

Doutra banda, cómpre salientar que respecto das axudas da pasada convocatoria, os beneficiarios teñen de prazo ata o 15 de outubro deste ano para xustificar as actuacións aprobadas, que recibiron unha achega total de 4,9 millóns de euros, e así poder recibir os pagamentos correspondentes.

Data de actualización: 31/07/2019