Medio Ambiente salienta o labor dos seus centros de recuperación de fauna, que atenderon o ano pasado a máis de 3.300 animais

A conselleira Ángeles Vázquez participou esta mañá nun acto para devolver ao seu hábitat natural dous exemplares de miñatos recuperados no centro do Rodicio

No caso da provincia de Ourense, en 2018 atendeuse a 245 animais e nos primeiros meses deste ano xa pasaron outros 213 polas instalacións localizadas en Maceda

A responsable galega de Medio Ambiente felicítase pola aprobación da Lei de Patrimonio Natural e avanza que está previsto que entre en vigor a finais do verán

Maceda (Ourense), 2 de agosto de 2019

Máis de 3.300 animais foron atendidos o ano pasado nos catro centros de recuperación de fauna silvestre que ten a Xunta de Galicia destinados á atención de exemplares feridos ou enfermos recollidos en distintos puntos da comunidade. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tras participar nun acto para reintroducir no seu hábitat natural a dous exemplares de miñatos que pasaron os últimos meses no Centro de Recuperación do Rodicio.

Tras poñer en valor o traballo que se desenvolve nestas instalacións, que actúan na práctica como “hospitais” para a fauna autóctona, a responsable galega de Medio Ambiente considerou que os datos estatísticos de animais atendidos nos últimos anos son a mellor mostra da necesidade e do intenso labor que se leva a cabo nos catro centros existentes en Galicia, un en cada provincia: o de Oleiros (A Coruña); o do Veral (Lugo); o de Carballedo (Cerdedo-Cotobade); e o do Rodicio (Ourense).

Así, Vázquez Mejuto explicou que o ano pasado 3.322 animais pasaron por estas catro instalacións. Na súa maioría, os exemplares atendidos foron aves (concretamente, 2.914) aínda que tamén estiveron ingresados 25 mamíferos e unha decena de réptiles. No caso do centro ourensán do Rodicio, no Concello de Maceda, a cifra de ingresos ao longo do ano pasado ascendeu a 245, mentres que nos sete primeiros meses de 2018 xa pasaron por estas instalacións 213 exemplares e preto de medio cento foron liberados directamente sen necesidade de permanecer ingresados nas súas dependencias.

O obxectivo principal deste tipo de instalacións, como explicou Ángeles Vázquez, é “fomentar a conservación e a recuperación das especies de fauna silvestre” cando polo seu estado de saúde requiran dunha atención e seguimento profesional en catividade ata a súa completa recuperación, momento no que se procede á súa devolución á natureza.

Este foi o caso dos miñatos liberados esta mañá en Maceda, que tras pasar varios meses ingresados nas dependencias do Rodicio recibindo todos os coidados necesarios para garantir a súa recuperación, hoxe puideron volver ao seu medio natural da man da conselleira e da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Nova Lei de Patrimonio Natural

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente aproveitou a visita para referirse á recente aprobación da Lei de Patrimonio Natural de Galicia, un texto que substituirá a unha norma con 18 anos de vixencia e que previsiblemente entrará en vigor a finais deste verán.
A este respecto, Vázquez Mejuto defendeu a necesidade de actualizar e impulsar un novo marco lexislativo nesta materia atendendo á gran riqueza e diversidade naturais que caracterizan e identifican a Galicia.

Así, referiuse a algunhas das novidades máis salientables que incorpora a lei en materia de protección da fauna silvestre, como a creación dun Listado de especies en réxime de protección especial, a regulación por primeira vez da chamada conservación e cría de animais ex situ (é dicir, fóra do seu hábitat), ou a constitución do Catálogo de hábitats en perigo de desaparición de Galicia, entre outras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/08/2019