A actuación suporá unha importante mellora na atención ás persoas con discapacidade nesta cidade
-
-
Compartir
-
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, expuxo esta mañá a familiares interesados no futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense os detalles desta actuación na que a Xunta de Galicia prevé investir 5,5 millóns de euros e que incrementará nun 35% a oferta de prazas públicas para estas persoas na cidade das Burgas, ata chegar ás 426. Na xuntanza tamén participou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Ildefonso de la Campa recolleu a satisfacción dos familiares pola actuación proposta, que suporá unha importante mellora na atención á discapacidade nesta cidade e coa que se quere dar resposta ás necesidades manifestadas por este colectivo. De feito, a intervención que se executará incrementa o tamaño do centro das 80 prazas inicialmente previstas ás 110 coas que contará agora. A previsión é que as obras poidan comezar no primeiro cuadrimestre do vindeiro ano.
O director xeral de Maiores explicou sobre plano as características do inmoble, deseñado polo estudo de arquitectura Iglesias Veiga, gañador do concurso de ideas que se convocou para elixir o proxecto a desenvolver. A actuación, que se realizará na zona de Barrocás, terá unha superficie útil duns 4.500 metros cadrados e inclúe o acondicionamento da contorna da parcela con zonas verdes e de aparcamento.
O inmoble asentarase sobre a parcela de maneira escalonada e en forma de peite, o que xerará patios abertos e diferentes espazos a distintos niveis cunha boa iluminación e ventilación. Terá tres niveis de usos diferenciados. Os inferiores, destinados a zonas de instalacións e de traballo para o persoal do centro, como cociña, comedor e outros servizos; o intermedio, onde se sitúa a maior parte das actividades que terá o centro de día; e os niveis superiores, que conteñen a zona residencial. As solucións construtivas e estruturais escollidas teñen como finalidade reducir a demanda enerxética.