Un total de 12 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de adecuación do complexo intermodal de Pontevedra, cun investimento de 3,4 millóns de euros

O proxecto contempla a conexión peonil entre as terminais de autobús e tren, a humanización da praza e reordenación do aparcadoiro, o novo acceso desde a rúa Josefina Arruti e a recuperación e posta en valor do entorno do río Gados

As dúas estacións conectaranse a través dun itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación

Estas actuacións súmanse á reforma da actual estación de autobuses, que suporán unha mellora funcional, estética e de eficiencia enerxética do edificio

A Xunta prevé que a finais de ano estean a pleno rendemento as obras das dúas actuacións para ter o conxunto intermodal rematado no segundo semestre de 2020

Cómpre lembrar que estas actuacións se enmarcan nun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, que conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega máis de 4,6 millóns

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2019

Un total de 12 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de adecuación do complexo intermodal de Pontevedra, cun investimento de 3,4 millóns de euros.

Esta actuación busca unha intermodalidade real entre a estación de autobuses e a de ferrocarril, para o que se executará unha conexión peonil entre ambas; se humanizará a praza e se reordenará o aparcadoiro; se acometerá o novo acceso desde a rúa Josefina Arruti, para a entrada e saída directa dos autobuses; e se adecuará a contorna do río Gafos.

A conexión entre estacións será máis sinxela e segura para os peóns grazas a un itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación, mellorando a seguridade viaria e recuperando un espazo público para os cidadáns.

O proxecto tamén inclúe a eliminación dos actuais accesos de autobuses, construíndo un novo enlace directo dende a Rúa Josefina Arruti, onde se instalarán semáforos regulados a demanda e carrís de espera.

Ademais porase en valor o contorno do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo para o desfrute cidadá mediante a rexeneración da área ao carón da estación de autobuses, destapándose o leito e construíndose unha pasarela de madeira que facilite o paseo.

Reforma da estación de autobuses

Cómpre lembrar que este contrato está enmarcado nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, que conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 75%, é dicir, máis de 4,6 millóns.

Este acordo contempla as actuacións neste complexo intermodal, recollidas en dous proxectos diferentes: a adecuación para a intermodalidade do conxunto das dúas estacións e a reforma do edificio da actual estación de autobuses.

No que se refire ao acondicionamento da terminal de autobuses, estes traballos suporán unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética do edificio, ao incluír a renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores; a mellora das instalacións e aforro enerxético e a mellora dos sistemas de información.

A Xunta prevé que a finais deste ano estarán a pleno rendemento as obras das dúas actuacións para poder ter o conxunto intermodal rematado no segundo semestre do ano 2020.

Data de actualización: 05/08/2019