Medio Ambiente amplía nun mes o prazo para xustificar os gastos das axudas para previr os danos por fauna silvestre

O DOG publica hoxe unha modificación das bases desta liña de subvencións, convocada o pasado mes de xaneiro e dotada cunha partida de 300.000 euros

A Consellería toma esta medida ante o número de solicitudes recibidas e as dificultades detectadas para que os potenciais beneficiarios poidan executar e xustificar os seus investimentos antes da data límite que establecía a orde orixinal

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prolongará un mes máis, ata outubro, o prazo máximo para que os solicitantes das axudas para prevención de danos causados por determinadas especies de fauna silvestre poidan xustificar os gastos obxecto da subvención. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia, que publica hoxe unha modificación das bases da orde, convocada o pasado mes de xaneiro e dotada cun total de 300.000 euros para este ano.

O obxecto destas subvencións é apoiar a persoas titulares de actividades gandeiras e agrícolas afectadas polos danos que causan o lobo e o xabaril, coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección. Deste xeito, a Consellería busca incentivar a adquisición de elementos preventivos co fin de evitar os prexuízos que as incursións destes animais silvestres poden chegar a causar nas explotacións.

Ao abeiro desta convocatoria téñense recibido xa un elevado número de solicitudes, o que implica un gran volume de expedientes, sobre todo tendo en conta que a orde de axudas establece dúas liñas: unha para a prevención dos danos ocasionados polo lobo (dentro da cal prevense á súa vez dúas subliñas, unha delas para a adquisición e instalación de valados fixos) e outra para a prevención dos danos ocasionados polo xabaril.

Na tramitación destes expedientes tivéronse que outorgar prazos para emendar documentación e posibles erros e, ademais, no caso concreto das solicitudes para a adquisición e instalación de valados fixos, foi necesaria a realización de inspeccións previas de campo para comprobar que se axustaban ao solicitado. Isto ralentizou a resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo dispoñible por parte dos beneficiarios para executar e xustificar os gastos obxecto de subvención.

Segundo figura na orde de axudas, o pagamento da cantidade adxudicada a cada persoa física ou xurídica está condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención. Por iso, tendo en conta as dificultades detectadas e atendendo ás propias demandas do sector, a Xunta considerou necesario ampliar o prazo máximo de xustificación, que remataba inicialmente o 9 de setembro e tras a modificación publicada hoxe, estenderase ata o 11 de outubro.

Data de actualización: 06/08/2019