A Xunta entregou os diplomas ao alumnado do obradoiro de emprego 'Terras da Castaña' que mellorou a súa formación e accederon a un posto de traballo

A delegada territorial da Xunta participou no acto de clausura desta iniciativa na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 295.000 euros

Marisol Díaz Mouteira lembroulle aos 20 desempregados que se formaron neste obradoiro a estreita ligazón entre a formación e as oportunidades laborais

Os participantes formáronse nas especialidades de conservación e mellora de montes e albanelería de fábricas e cubertas

O Goberno galego mantén o seu compromiso cunha formación adaptada aos novos perfís profesionais e ás demandas reais e actuais do tecido empresarial

A Gudiña (Ourense), 6 de agosto de 2019

Un total de 20 alumnas e alumnos formáronse nos últimos 9 meses, ao tempo que accederon a un posto de traballo, en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en albanelería de fábrica e cubertas, grazas ao obradoiro de emprego Terras da Castaña que promoveu a Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co concello da Gudiña. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada polos representantes dos concellos participantes, José María Lago, Francisco Veiga e Martín Guerra, participou no acto de clausura e entrega de diplomas deste programa mixto de formación e emprego, no que a Xunta investiu case 295.000 euros.

Díaz Mouteira destacou “o importante esforzo que se está a facer desde o Goberno galego para achegar a formación aos concellos e para ofrecer obradoiros adaptados aos novos perfís profesionais e ás demandas reais e actuais do tecido empresarial . Neste senso, puxo en valor esta iniciativa de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. Ao fío, recordou que os obradoiros de emprego permiten, ademais, aos participantes recibir un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Este tipo de programas mixtos de formación e emprego céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realizan. Tamén posibilitan que os participantes ademais de recibir formación tamén perciban o salario mínimo interprofesional.

A delegada territorial subliñou que os obradoiros son unha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional.

Os 20 alumnos que hoxe remataron o obradoiro realizaron labores de mellora silvícola, ambientais e forestais en distintas áreas de lecer e montes así como traballos de albanelería en espazos pertencentes aos concellos participantes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/08/2019