Balseiro clausurou o obradoiro de emprego no que se formaron 20 persoas dos municipios de Muras, Ourol e O Vicedo

O delegado territorial de Lugo sinalou que a Xunta investiu preto de 300.000 euros nesta iniciativa, centrada nas áreas de atención sociosanitaria e traballos de carpintaría

Os participantes realizaron mobiliario, carteis indicadores e outros elementos de madeira para edificios e espazos públicos, entre outros labores

Muras (Lugo), 6 de agosto de 2019

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, clausurou hoxe o obradoiro de emprego que compartiron os concellos de Muras, Ourol e O Vicedo e que proporcionou formación e emprego a unha vintena de persoas durante os últimos nove meses.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto de 300.000 euros nesta acción formativa, centrada nas especialidades de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais -con 5 alumnos no Vicedo e 3 en Ourol- e Traballos de carpintería e moble -6 alumnos no Vicedo, 4 en Ourol e 2 en Muras-.

O delegado lembrou que o obxectivo prioritario dos obradoiros é mellorar a empregabilidade dos participantes coa adquisición de habilidades teóricas e prácticas en áreas con boas perspectivas de integración no mercado de traballo. Neste sentido, os alumnos realizaron traballos acordes coa especialidade elixida, oito deles atendendo ao coidado de persoas maiores nunha residencia e o resto construíndo elementos de madeira nos distintos concellos.

A modo de exemplo, no Vicedo elaboraron 148 carteis indicativos de topónimos para instalar en distintos puntos do municipio; tamén bancos de madeira, mobiliario para a oficina de turismo, estantes e expositores para a biblioteca, varias portas para edificios públicos, fiestras para o centro social de San Román, ou a maqueta dun barco -con anda e soportes- para a Romaxe Vikinga.

En Muras repararon o forxado do centro social de Balsa, elaboraron vallas para unha zona axardinada, bancos, varandas e melloraron elementos do mobiliario urbano. En Ourol reformaron o escenario do centro social de Merille, construíron dúas marquesiñas, un armario para o centro social de Bravos e fiestras para edificios públicos, ademais de reparar o mobiliario urbano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/08/2019