A Xunta amplía ata o millón de euros o orzamento da liña de axudas a concellos para fomentar a conciliación

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe unha das ludotecas de Cerdedo-Cotobade, que se financia con estas axudas

A ampliación de orzamento ten como obxectivo dar resposta á alta demanda rexistrada e permitirá chegar a case un cento de concellos galegos

Cerdedo-Cotobade, 7 de agosto de 2019

A Xunta vén de ampliar o orzamento da liña de axudas para que os concellos desenvolvan iniciativas de fomento da conciliación tras a alta demanda rexistrada. Tendo en conta este incremento, o investimento destinado a estas axudas ascende a preto dun millón de euros, o que permitirá financiar accións en case un cento de concellos galegos.

Así o explicou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa visita á ludoteca de Tenorio en Cerdedo-Cotobade, que se financia grazas a esta convocatoria cunha axuda concedida de algo máis de 13.000 euros. A actividade de conciliación desenvólvese, ademais de en Tenorio, en Carballedo e Cerdedo. Na visita estivo acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

A liña de conciliación inclúese nunha convocatoria máis ampla destinada aos concellos para financiar outras accións como os Centros de Información á Muller ou outros programas relacionados co igualdade. A convocatoria ten, na súa totalidade, un orzamento duns 5,6 millóns de euros.

A Xunta mantén un firme compromiso coa conciliación. Foi a primeira comunidade autónoma en dotarse dun Plan de conciliación e corresponsabilidade, aprobado o ano pasado. Ademais, ten en marcha outras iniciativas como as axudas aos pais ou familias monoparentais que se acollan á redución de xornada; implantou medidas de teletraballo e flexibilidade entre o persoal funcionario da Xunta; e habilita todos os anos unha liña de conciliación dentro do programa Emega de fomento do emprendemento feminino.

Campo de voluntariado

Ademais da ludoteca, o vicepresidente da Xunta aproveitou a súa visita ao concello para achegarse ata o campo de voluntariado internacional de Cerdedo-Cotobade, onde os voluntarios están a gravar unha curtametraxe sobre a situación da muller no rural, ademais de realizar outras actividades de convivencia como sendeirismo, excursións e actividades acuáticas.

Este ano, por primeira vez e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estanse desenvolvendo unha serie de accións específicas nos campamentos e campos de voluntariado da Xunta para previr e loitar contra a violencia de xénero e promover unha sociedade máis igualitaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/08/2019