Os concellos de Moeche e San Sadurniño incorpóranse ao programa Xantar na Casa

Xa son 177 os municipios adheridos a este plan que leva máis de 40.000 comidas mensuais aos domicilios dos seus usuarios

Dez persoas de cada concello poderán beneficiarse deste servizo

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2019

A Xunta de Galicia adhire dous novos concellos ao programa Xantar na Casa, os municipios de Moeche e San Sadurniño. Así, 10 persoas en cada un destes concellos poderán verse beneficiadas polo servizo que na actualidade xa leva comida ao fogar de máis de 1300 usuarios.

O programa Xantar na casa, ademais de achegarlles unha dieta equilibrada, de calidade e axustada ás necesidades de cada usuario, permite levar a cabo tamén unha labor de vixilancia, posto que os maiores manteñen un contacto regular coas persoas que lle achegan as comidas.

No que levamos de ano oito municipios se adheriron ao programa e poderán prestarlle este servizo aos seus maiores. Ademais dos concellos de Moeche e de San Sadurniño, tamén se incorporaron ao plan Ribeira, Foz, Miño, Irixoa, Vilamartín de Valdeorras e Porto do Son. Isto supón a incorporación de máis de 80 novos usuarios a este plan, que reparte mais de 40.000 menús mensuais por todo o territorio galego. O programa Xantar na Casa chega na actualidade a máis de 1.300 persoas, o obxectivo da Xunta de Galicia é acadar os 2.000 usuarios.

A Xunta de Galicia segue a traballar para que as galegas e galegos de mais idade poidan escoller libremente onde facerse maiores. A este compromiso responde o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, do que se benefician 24.000 maiores dependentes; a mellora do programa Teleasistencia a unha modalidade avanzada, que permite contar con servizos como xeolocalización ou a instalación de sensores no fogar; a posta en funcionamento dunha trintena de Casas do Maior, pequenos centros de día gratuítos no rural; ou o programa RedMay, que permite ás persoas maiores acceder tamén de balde a servizos de oftalmoloxía, podoloxía, prevención do alzhéimer e apoio persoal sen ter que desprazarse das súas parroquias

Data de actualización: 07/08/2019