O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou o avance das actuacións
A Xunta de Galicia anuncia que as obras de ampliación da escola infantil de Arzúa rematarán en agosto

Os traballos permitirán aumentar dúas unidades e un máximo de 40 prazas

A inversión total nas obras ascende a máis de 150.000 euros

Arzúa (A Coruña), 7 de agosto de 2019

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, ademais do alcalde da localidade, José Luis García, visitou as actuacións que se están a levar a cabo na escola infantil de Arzúa, pertencente á rede autonómica A Galiña Azul.

As actuacións, que comezaron o pasado mes de marzo, inician o seu tramo final. As obras incluían a construción dun espazo anexo ao edificio actual pola fachada oeste no que se incluirán as dúas aulas, cos seus correspondentes baños e un almacén de xoguetes. O novo espazo que se sumará ao actual edificio terá unha superficie de 102 metros. Ademais, estanse levando a cabo traballos de mellora que inclúen o cambio do pavimento, así como acondicionamentos no comedor que permitirán a súa ampliación segundo as necesidades da escola.

Perfecto Rodríguez destacou durante a visita tanto as obras de mellora que se están a executar como as de ampliación, xa que permitirá eliminar a lista de agarda existente e ampliar o servizo que se presta no concello. Así mesmo, as reformas permitirán mellorar o servizo diario da escola, especialmente as que se desenvolven no comedor.

Esta obra finánciase en virtude do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Política Social e o Concello de Arzúa. Dos 150.000 euros o Consorcio desembolsará 100.000 (cunha achega do 80% de Fondos Feder da Unión Europea) mentres que, a cantidade restante, 50.000 euros, correspóndelle á Administración local.

Os traballos finalizarán, segundo o previsto, neste mes de agosto, polo que permitirán que as aulas poidan poñerse en funcionamento no mes de outubro. Para isto haberá que agardar ao período extraordinario de solicitude de praza que remata o 31 de agosto.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/08/2019