Balseiro entrega os diplomas aos participantes do obradoiro dual de emprego Ulla-Miño, formados en albanelaría e xardinaría

O delegado territorial de Lugo sinalou que a Xunta investiu 330.300 euros neste proxecto, incluíndo incentivos para a contratación de nove persoas durante tres meses más en empresas locais

Antas de Ulla (Lugo), 7 de agosto de 2019

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, clausurou hoxe o obradoiro dual de emprego Ulla-Miño, que ofreceu formación e emprego a 20 alumnos traballadores, a metade deles na especialidade de Fábricas de albanelaría e a outra na de Mantemento de xardíns e zonas verdes.

Balseiro explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 330.300 euros nesta iniciativa, compartida polos concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, Taboada e Portomarín.

Acompañado por alcaldes e representantes dos municipios implicados, Balseiro subliñou que o obradoiro proporcionou nos últimos nove meses experiencia laboral cun contrato de traballo aos 20 alumnos, e contempla a contratación de nove dos participantes en empresas locais durante tres meses máis.

O delegado salientou que os obradoiros son unha das ferramentas máis demandadas dentro das políticas de emprego da Xunta, xa que por un lado favorecen a adquisición de experiencia laboral a través dun contrato de traballo e por outro desenvolven obras ou servizos de interese xeral e social para os concellos.

Neste caso, entre as obras realizadas cabe destacar a terceira fase da rehabilitación dunha edificación tradicional en Santa Mariña, en Antas de Ulla, para destinala a local social; o acondicionamento da planta baixa do antigo centro de saúde de Monterroso para oficinas municipais, a mellora de masas forestais e zonas verdes como o paseo fluvial de Ponte Roxan e a área Recreativa Os Chacotes en Palas de Rei, a humanización do entorno da igrexa de San Nicolás de Portomarín, ou a ampliación dos vestiarios do campo de fútbol da Medela en Taboada.

Nos últimos meses desenvolvéronse na provincia 20 obradoiros de emprego, que involucraron a 50 concellos, supuxeron un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e sumaron 472 contratacións. Xa está en marcha unha nova convocatoria deste programa polo que proximamente poranse en marcha novos proxectos nos municipios lucenses.

Data de actualización: 07/08/2019