A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe con representantes das asociacións ALAS Coruña, Arelas, CASCO e Nós Mesmas
A Administración autonómica ratifica anualmente estes convenios desde 2016
-
-
Compartir
-
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe con representantes de catro entidades LGTBI para asinar convenios de colaboración que teñen por obxecito promover a protección dos dereitos e a igualdade de oportunidades deste colectivo.
Os acordos asináronse coa Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS Coruña), Asociación de Familias de Menores Trans (Arelas), Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO) e Nós Mesmas. O orzamento total destinado a sufragar estes convenios ascende a 16.000 euros.
O obxectivo destes acordos é apoiar estas organizacións e as actividades que desenvolven en promoción dos dereitos e intereses de persoas gays, lesbianas, transexuais, bisexuais ou intersexuais coa finalidade de sumar esforzos para combater calquera discriminación por razóns de orientación sexual.
A través do apoio da Xunta, as entidades desenvolverán distintas actuacións para avanzar na promoción da igualdade de oportunidades, da visibilidade e da sensibilización tales como campañas de información social; actividades de investigación; actuacións de acompañamento, asesoramento e información; ou elaboración de materiais didácticos, entre outras.
A Administración autonómica firma estes acordos desde 2016. Ademais, en 2017 por primeira vez estableceuse nos orzamentos autonómicos unha partida específica para as asociacións LGTBI.
A Xunta mantén un firme compromiso co apoio e a defensa dos dereitos LGTBI. Cómpre recordar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei -a 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia- que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI.
Ademais, este mesmo ano creouse o Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e de identidade de xénero. Este órgano contribuirá ao coñecemento da realidade da diversidade de orientación sexual, servindo ao mesmo tempo para analizar os principais problemas das persoas LGBTI e como garantía dos seus dereitos en Galicia. Nesta liña, servirá como órgano de denuncia en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.