A Xunta destaca en Cambados que a formación dual, flexible e á carta contribuirá a contar cunha Galicia máis preparada

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou hoxe na clausura do obradoiro dual de emprego 'Cambados. Ruta Marítima Camiño de Santiago' no que participaron 20 desempregados

Os alumnos e alumnas, ao tempo que accederon a un posto de traballo ao longo de nove meses, formáronse en carpintería do moble e xardinería forestal

Ao tratarse dun programa dual, agora terán a posibilidade de traballar, como mínimo, tres meses máis en empresas da contorna na especialidade na que se cualificaron

Casal puxo en valor a colaboración entre as administracións para incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas

Cambados (Pontevedra), 8 de agosto de 2019

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou hoxe en Cambados na clausura do obradoiro de emprego Ruta Marítima Camiño de Santiago, no que 20 persoas sen emprego, ao tempo que accederon a un traballo durante nove meses, recibiron cualificación en carpintería do moble e xardinería forestal.

O 90% dos participantes, cun perfil medio de idade de 42 anos, aprobou os certificados de profesionalidade impartidos en traballos de carpintería e moble, aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e en conservación e mellora de montes. Ademais, recibiron formación complementaria en informática, sensibilidade medioambiental, técnicas de busca de emprego e creación de empresas, formación en igualdade e en prevención de riscos laborais.

Os alumnos do obradoiro, á vez que se formaron, realizaron o acondicionamento e mellora das rutas marítimas do Camiño de Santiago, ao seu paso por Cambados, de cara ao vindeiro Ano Santo 2021 e recuperaron zonas verdes do casco urbano.

Casal sinalou que os obradoiros de emprego ofrecen unha formación dual, flexible e á carta, o que contribuirá a contar cunha Galicia máis preparada. Ao respecto, explicou que o programa combina formación e emprego e que ao ser dual os alumnos, a partir de agora, teñen a posibilidade de traballar, como mínimo, tres meses máis en empresas da contorna na especialidade na que se cualificaron.

O director xeral resaltou, así mesmo, a necesidade de ofrecer unha formación continua que garanta un acceso máis favorable ao mercado laboral, lembrando que a maior formación, máis posibilidades existen de competir nun mercado que cada vez esixe unha preparación máis versátil e comprometida co cambio tecnolóxico.

Casal, así mesmo, agradeceu ao Concello de Cambados a súa implicación destacando a importancia da colaboración entre administracións para acadar unha Galicia cada vez mellor formada que sexa capaz de seguir creando emprego de calidade.

A Administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020. En canto aos obradoiros de emprego, entre 2019 e 2020 levaranse a cabo 80 programas mixtos de formación e emprego a través dos que 1500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo.

Data de actualización: 08/08/2019