Política Social achega 43.000 euros a Cermi Galicia para mellorar os servizos de atención á discapacidade

Con esta cantidade tamén colabora na organización do XV Congreso de Cermis autonómicos

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019

A Consellería de Política Social e o Comité de Entidades Representantes de persoas con discapacidade de Galicia (Cermi) asinan un convenio no que a Xunta de Galicia achega 43.000 euros para mellorar os servizos que prestan as asociacións e entidades dedicadas á atención das persoas con discapacidade.

Ademais disto, a sinatura deste convenio tamén ratifica a colaboración do Goberno galego coa entidade na organización do XV Congreso de Cermis autonómicos que este ano terá lugar en Santiago de Compostela os días 17 e 18 de outubro. Cómpre recordar que este evento itinerario tivo lugar o ano pasado na cidade de Barcelona.

Así mesmo, esta cantidade súmase aos 3,3 millóns de euros que a Consellería de Política Social achegou en abril a nove organizacións que forman parte de Cermi e que centran o seu traballo no eido de atención a persoas con discapacidade. De feito, estes acordos repercuten de xeito directo en máis de 70.000 usuarios e usuarias dos programas e servizos que poñen en marcha estas entidades durante este ano.

Desta maneira, a Xunta de Galicia garante a blindaxe do financiamento ás entidades que actúan na procura da mellora da calidade de vida e a plena inclusión das persoas con discapacidade, ao constituíren unha peza fundamental de cara a completar a rede galega de servizos e programas dirixidos á atención e coidado deste sector da poboación.

Data de actualización: 08/08/2019