Cores Tourís destaca na clausura do obradoiro 'Vista Real IV' de Vilanova de Arousa a importancia dunha formación especializada que facilite o acceso ao mercado laboral

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra participou hoxe na clausura desta iniciativa na que se formaron un total de 20 alumnos en Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e na mellora das comunicacións do entorno rural

José Manuel Cores Tourís recordou que se beneficiaron este ano destas iniciativas os concellos de Cambados, Vilagarcía, O Grove e Vilanova de Arousa, así como a Mancomunidade do Salnés, xunto a dous obradoiros de emprego xuvenil en Vilagarcía e Cambados

A Administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020

Pontevedra, 8 de agosto de 2019

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na clausura do obradoiro Vista Real IV no que participaron un total de 20 veciños de Vilanova de Arousa, recibindo formación especializada en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes así como en mellora das comunicacións do entorno rural.

No acto, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde da localidade, Gonzalo Durán, así como os responsables do obradoiro de emprego, titores e profesores dos alumnos.

Cores Tourís recordou que a comarca do Salnés contou, en 2018-2019, cun total de 5 obradoiros de emprego, para impulsar a empregabilidade de 100 persoas nesta área, aos que se deben sumar os obradoiros de emprego xuvenil que se realizarán en Cambados e Vilagarcía de Arousa. O orzamento para estes sete obradoiros supera os 1,7 millóns de euros. A estas iniciativas hai que sumarlles outros dous obradoiros de emprego xuvenil desenvolvidos en Vilagarcía e Cambados.

O obradoiro de Vilanova de Arousa tivo como principal novidade que que os participantes puideron combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de alomenos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: “Trátase de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral”, explicou Cores Tourís. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación. Das prácticas deste obradoiro, o delegado territorial destacou os 14 quilómetros nos que actuaron os alumnos para mellorar o acceso a internet en diversas parroquias da localidade.

Os obradoiros duais forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo o delegado territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Así, o Goberno galego inviste este ano 135 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial.

“Con estes obradoiros cumprimos un dobre obxectivo: obter unha maior empregabilidade dos nosos desempregados e facilitar a recuperación do patrimonio cultural e paisaxístico”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

En total desenvolvéronse no presente ano 26 obradoiros na provincia, 18 duais e 8 dirixidos a mozos de menos de 25 anos, nos que participaron 487 alumnos. No caso dos obradoiros duais, a novidade foi a combinación dun contrato de formación e de aprendizaxe durante nove meses. O investimento na provincia para obradoiros rondou os 6,4 millóns de euros.

Cómpre lembrar que a Administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020. En canto aos obradoiros de emprego, entre 2019 e 2020 levaranse a cabo 80 programas mixtos de formación e emprego a través dos cales 1.500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/08/2019