O proxecto da nova depuradora de Sergude en Boqueixón supera o trámite medioambiental

O delegado territorial da Xunta na Coruña visitou os terreos nos que se construirá esta infraestrutura que poderá dar servizo a 3.000 habitantes

Boqueixón (A Coruña), 09 de agosto de 2019

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, visitaron esta mañá os terreos onde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade construirá a ampliación e mellora do saneamento das localidades de Sergude e Lestedo, no Concello de Boqueixón. As obras, que terán un custe aproximado de 1,8 M€, contarán con fondos Feader e permitirán dar servizo a unha poboación de 3.000 habitantes, así como tamén ao polígono industrial da Susana.

A maior parte do investimento estará destinado á substitución da estación depuradora de augas residuais (EDAR) emprazada en Sergude, Ovidio Rodeiro destacou que esta actuación “permitirá triplicar a súa capacidade actual”. A nova EDAR contará cunha primeira estrutura de pretratamento da auga, separando en tres contedores diferentes os residuos sólidos, as graxas e as areas.

Tras este proceso sitúase o tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga á hora, inda que tamén pode tratar picos de ata 81 metros cúbicos. En caso de chuvias torrenciais que superen este caudal, o exceso enviarase a un depósito de retención ou tanque de tormentas.

O tratamento biolóxico estará conformado por un sistema de lodos activados por aireación prolongada en baixa carga, que contarán con dous axitadores para a produción de osíxeno. O seguinte proceso será o da decantación secundaria, integrada por dúas liñas, onde os lodos separaranse por gravidade a un pozo de bombeo para a súa posterior deshidratación.

Este proxecto, que xa pasou a tramitación ambiental autonómica, deberá agora ser aprobado polo pleno municipal de Boqueixón, que aportará os terreos necesarios e someterá o expediente a exposición pública antes do comezo das actuacións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/08/2019