A Xunta destaca en Ribeira o impulso ao comercio de proximidade con axudas á ecoinnovación para favorecer a economía circular

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na localidade coruñesa na XIV Viamare Stock 2019, Feira de Oportunidades, onde lembrou que a Administración autonómica traballa para contar cun comercio máis moderno e competitivo ao tempo que se contribúe ao coidado do planeta

Lembrou que hoxe remata o prazo de solicitude para os apoios á ecoinnovación cos que se facilita aos comerciantes a adhesión á plataforma de tícket dixital impulsada coa Federación Galega de Comercio, ao tempo que se promove a utilización de ecoenvases

A actuación enmárcase na iniciativa Comercio 360 coa que a Xunta está apostando pola dixitalización comercial, a economía circular e o produto local

Ribeira (A Coruña), 9 de agosto de 2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe en Ribeira na XIV Viamare Stock 2019, Feira de Oportunidades, onde lembrou o impulso que está a dar a Xunta ao comercio de proximidade a través de diferentes medidas como son as axudas que por máis de 800.000 euros impulsarán a ecoinnovación.

Vázquez, precisamente, informou sobre que hoxe remata o prazo de solicitude para acceder a estes apoios, un programa que permite aos comerciantes adherirse á plataforma de tícket dixital impulsada xunto coa Federación Galega de Comercio. Deste xeito, poderán achegar unha maior comodidade e garantía aos clientes, ao tempo que minimizan o uso do papel e os contaminantes vinculados aos procesos de impresión.

Con esta iniciativa promóvese tamén a utilización de ecoenvases, a través de materiais biodegradables e a eliminación progresiva dos plásticos. Tamén se concederán apoios para a implantación e posta en marcha de proxectos que favorezan a economía circular, a través de actuacións como a reciclaxe. Do que se trata é de contar cun comercio máis moderno e competitivo e contribuír ao coidado do planeta, segundo subliñou a directora xeral.

Estas axudas diríxense tanto a comerciantes e obradoiros artesanais como a centros comerciais abertos e asociacións de praceiros co obxectivo de impulsar a dixitalización e a innovación, dos aspectos que axudan á modernización do comercio de proximidade, gañando en competitividade e rendibilidade.

Esta actuación enmárcase na iniciativa Comercio 360 coa que a Xunta está apostando pola dixitalización comercial, a economía circular e o produto local. O obxectivo principal desta acción é darlle un pulo ao sector mellorando tanto a súa competitividade como a súa modernización. As novas medidas, que xa están en marcha, pretenden dar resposta ás demandas dos clientes, anticipándose ás súas necesidades, e adecuarse aos novos hábitos que se teñen detectado no eido comercial.

Comercio 360 desenvolverase ata 2021 destinándose neste primeiro exercicio en Galicia 5,7 M€ para poñer en funcionamento medidas de sensibilización, axudas para a ecoinnovación e laboratorios comerciais, que se suman ás de modernización e dixitalización do comercio de proximidade que convocou este ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A directora xeral mostrou, deste xeito, o apoio que a Xunta está a dar ao comercio de proximidade, salientando o compromiso do Goberno galego co asociacionismo comercial e coa modernización e impulso á competitividade do comercio galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/08/2019