A Xunta executa as obras de mellora de seguridade na estrada AC-133, ao seu paso pola Pedreira, no concello de Mugardos

Estes traballos, cun prazo de execución duns dous meses, foron adxudicados á empresa Excavaciones y Obras Candal por un importe de máis de 48.000 euros

As actuacións, entre os puntos quilométricos 8+870 e 10+000, consisten no afirmado da canalización e na disposición de tubaxe para mellorar a seguridade viaria e a drenaxe na zona

As obras enmárcanse no proxecto da Xunta para conseguir 'estradas que perdoan', nas que progresivamente se van eliminando obstáculos das súas marxes

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, executa as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-133, no concello de Mugardos.

Estes traballos, cun prazo de execución duns dous meses, foron adxudicados á empresa Excavaciones y Obras Candal por un importe de máis de 48.000 euros.

As obras levaranse a cabo no treito da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 8+870 e 10+000.

A estrada AC-133, ao seu paso pola Pedreira, dispón dunha cuneta profunda non revestida, polo que se acometerá o afirmado da canalización e a disposición de tubaxe para mellorar a seguridade viaria da zona e a drenaxe.

Esta actuación enmárcase no proxecto da Xunta para conseguir estradas que perdoan, nas que progresivamente se van eliminando obstáculos das súas marxes.

Neste sentido, trátase dunha mellora importante da seguridade viaria, xa que se dá solución a esta cuneta que implica que os accesos ás vivendas se realizan mediante salvacunetas que son obstáculos ríxidos en caso de saída de vía dun vehículo.

Data de actualización: 10/08/2019