Quince alumnos formáronse nas especialidades de albanelería e xardinería no obradoiro de emprego que, co apoio da Xunta, compartiron os concellos de Xinzo de Limia e Baltar

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de clausura e entrega de diplomas desta iniciativa que contou cunha achega de preto de 225.000 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria

Ourense, 12 de agosto 2019

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da alcaldesa do Concello de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e do alcalde do Concello de Baltar, José Antonio Feijoo, participou esta mañá no acto de clausura e entrega de diplomas aos 15 desempregados que remataron o obradoiro de emprego que compartiron ambos municipios.

Esta iniciativa, que contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 225.000 euros, serviu para que o alumnado accedera a un posto de traballo durante nove meses, ao tempo que tamén recibiron formación nas especialidades de fabricas de albanelería e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

O alumnado que se formou e traballou neste taller realizou labores que serviron para promover actuacións de interese público. Así, no Concello de Xinzo de Limia, realizaron unha delimitación física da parte este e norte do parque Alameda do Toural, así como unha nova delimitación do parque Ponte da Lima, onde instalaron rego automático e plantaron árbores e flores.

Pola súa banda, no Concello de Baltar os labores consistiron en podas, limpezas e rozas nos campos de festas do concello e da Boullosa, lixado e pintado de barandas en Vilamaior de Boullosa e na piscina municipal, reparacións de filtracións e asentado do muro da estrada Sampaio-Sabucedo e podas, limpezas e rozas no exterior do Centro de Saúde do concello.

Díaz Mouteira destacou a importancia de mellorar a cualificación dos desempregados para favorecer o seu acceso ao mercado laboral e dar resposta, á vez, ás necesidades reais dos principais sectores produtivos da Comunidade, ao tempo que subliñou a utilidade destes programas mixtos de emprego e formación, que permitiron aos seus participantes a posibilidade de ter un contrato laboral mentres se formaban.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/08/2019